Venres. 19.04.2024
El tiempo

A PREVIA ARBITRAL

A Terceira baixa o telón

Choque do Volantes ante o Pino-Foto-Adriana
Choque do Volantes ante o Pino-Foto-Adriana
A Terceira baixa o telón

O último chanzo do fútbol afeccionado costeiro pon fin á competición regular e tómase unha semana de descanso (a do 14/15 de marzo) antes de comezar o play off de ascenso en busca da terceira praza na Liga da Costa. 
As dúas prazas de ascenso directo están pechadas. O Outes, co billete á Segunda, pechou a temporada xa a semana pasada cun empate no Rodeiro. O Camariñas, polo tanto, poderá facer festa completa (sábado, 17.00 horas, Hermanas Patiño, Manuel Rodríguez) se é quen de gañar ao Castrelo, ou alomenos manter o empate inicial, e conseguir así, ademais do xa certificado ascenso, o título da competición.

O resto dos encontros quedan para o domingo ás 17.00 horas, horario unificado nesta última xornada en catro campos que acabarán de perfilar quen vai e quen non a esa fase de ascenso final.
Camelle e Seaia pugnarán pola última praza do play off de ascenso. Os camelláns, que xa disputaron o play off a temporada pasada, defenden o sexto posto, con dous puntos de marxe sobre o Seaia, pero teñen un partido moi complicado, pois visitan a un Laxe (Municipal de Laxe, Luis Insua) que necesita sumar para intentar rebasar ao Nantón e facerse co factor campo para a primeira eliminatoria do play off.

O Seaia, pola súa parte, recibe (Pedra Queimada, Pablo Rama) a un Monte Louro que xa ten certificado o seu terceiro posto, e que polo tanto disporá da vantaxe de xogar o partido de volta na súa casa tanto na primeira eliminatoria como, caso de chegar, na final.

Ameixenda e Nantón (Sampaio de Refoxos, Christian Sendón) mídense nun duelo no que os locais, que rematarán últimos pase o que pase (nove puntos, tres vitorias e dezaseis derrotas), buscarán despedir a temporada cun bo sabor de boca, en tanto os visitantes precisan gañar para asegurarse o cuarto posto e o factor campo na primeira eliminatoria fronte ao Laxe. Finalmente, na Grixa (Esteban Domínguez), Porteño e Corcubión disputaranse fuxir do penúltimo posto da táboa, que agora ocupa o Porteño, pero precisamente con só tres puntos menos que os  de Corcubión.

O fútbol veterano mira ás Pedreiras e San Andrés

Nova xornada de carácter decisivo na División de Honra do fútbol veterano costeiro, que desta volta pasa por Berdillo e Zas, dous campos nos que se verán as caras os catro primeiros clasificados da competición.

Os carballeses, que veñen de derrubar o muro e asaltar o liderado na pasada xornada, reciben (As Pedreiras, domingo, 10.00 horas, Iván Vilanova) ao Soneira, que ven en remontada (acumula tres vitorias consecutivas) e está xa cuarto, a seis puntos da cabeza (que podería reducir a só tres, en caso de gañar).

En San Andrés, o que parecía líder indiscutible, Sporting Zas, acumula dúas derrotas consecutivas que o apearon do liderado despois de moitísimas xornadas, e desta volta recibe (domingo, 10.00 horas, Luis Insua) ao Dumbría, que cunha racha magnífica de vitorias consecutivas conseguiu igualar ao Zas na segunda praza, ambos a tres puntos do San Lorenzo. 

Todas as designacións, categoría a categoría, competición a competición, como cada semana, en www.futgal.es.

Comentarios