Venres. 29.03.2024
El tiempo

Arrinque en fundido a negro

Capis do Corme e Zas no Cairo con Juan Marcos Rios Suarez
Capis do Corme e Zas no Cairo con Juan Marcos Rios Suarez
Arrinque en fundido a negro

O fútbol costeiro prosegue a súa posta en marcha, xa queda moi pouquiño para que os campos recuperen toda a súa plenitude, cada semana unha nova competición ponse en marcha.

Esta semana é a quenda do fútbol veterano, a segunda temporada da competición costeira baixo o paraugas da Federación Galega de Fútbol. E o inicio será con dúas notas en destaque: o aumento do número de equipos (a competición pasa a ter 28 clubs, o que fará que sexan 14 en cada unha das dúas categorías) e o seu comezo en silencio.

E é que o fútbol costeiro, e o fútbol veterano en especial, vivirá unha fin de semana amarga, unha estrea que non gusta a ninguén: todos os campos do fútbol veterano vivirán o comezo dos seus encontros cun minuto de silencio. Necesaria e xusta homenaxe a un ilustre desta competición que nos deixou antes de tempo: Roberto Carlos Trigo Lema, alma máter e capitán do Deportivo Razo, co que viña de acadar o ascenso a División de Honra, deixounos hai apenas dez días nun tráxico accidente laboral. Descanse en Paz. 

Con motivo do seu falecemento, Deportivo Razo e San Lorenzo de Berdillo acordaron tamén modificar o calendario, e disputar o primeiro encontro da temporada, que terá que enfrontalos, no campo do Areal, onde tantas xornadas disfrutou o seu capitán. Será unha xornada emotiva, de homenaxe ao capitán e  de fondo sentimento, a que se vivirá na beira da praia de Razo (domingo, 11.00 horas, Vítor Recarei). 

Como é habitual, todos os encontros da competición se disputarán na matinal do domingo. Entre os máis madrugadores, o vixente campión, Sporting Zas, que visitará o Carral para medirse ao recén ascendido Sofán (10.00 horas, Daniel Martínez).

Tres por tres por tres

Ademais de atender a competición doméstica, a Subdelegación da Costa da Morte do Comité de Árbitros disporá esta tarde de domingo de tres tríos arbitrais en tres categorías distintas.

Na Terceira División, Bruno Méndez viaxará rumbo a Ferrolterra para dirixir o encontro entre As Pontes e Arousa (O Poblado, 18.00 horas), e farao acompañado por dous compañeiros da Subdelegación, Adrián Pérez e David Vázquez.

Na Preferente Galicia, Pablo Rama collerá camiño ao sur para o Atios-Céltiga do grupo 2 (O Carballo, 19.00 horas), partido no que o auxiliarán os costeiros Luis Insua e Óscar Santos.

E onde haberá plena representación costeira será no municipal de Vimianzo. O derbi da Primeira Galicia (18.00 horas) entre Soneira e Dumbría estará dirixido por Alberto Baña, Rubén Reborido e Iván Vilanova.

Na xornada do sábado haberá tamén outro interesante encontro con trío da Subdelegación, o correspondente á Liga Galega Xuvenil que enfrontará no Conco (17.30 horas) aos dous representantes costeiros na categoría: Dumbría e Bergantiños. O home dos derbis esta semana será Alberto Baña, xa que tamén dirixirá este encontro, auxiliado por Lucas Vicente e Christian Sendón.

Nova posta de longo en Mazaricos

A semana pasada era o Mazaricos de Primeira Galicia o que estreaba categoría e competición no Pino do Val, con debut vitorioso, e esta semana tamén toca estrea, aínda que será no campo da Picota, para o equipo feminino de fútbol 7. A estrea, histórica, do fútbol feminino do Mazaricos será fronte ao Trazo, o sábado, ás 16.00 horas, e dirixirá o encontro Esteban Domínguez.

Segue a Liga da Costa, segunda etapa

A Liga da Costa, a mellor competición futbolística do mundo en moitos aspectos, está xa en marcha, e afronta a súa xornada número 2. 

O partido, a priori, máis atractivo, será o que enfronte en Xaviña a un dos principais aspirantes (e actual líder, por gol average), o Corme, e unha das incógnitas e aspirantes a escadra relevación, o Cerqueda, que despois dunha magnífica temporada o ano pasado arrincou xa dando o primeiro golpe na mesa vencendo a domicilio a todo un Baíñas. O duelo será na tarde dominical, ás 17.00 horas, con dirección arbitral de David Castreje. 

O calendario festivo terá fortes implicacións na axenda desta fin de semana. O partido entre o Muxía e o Malpica queda posposto polas festas da Virxe da Barca, e o duelo entre recén ascendidos que mide a Coristanco e Cabana, en coincidencia coas festas da Pataca, adiántase ao sábado (A Rocheira, 18.00 horas, Luis Insua).

Todas as designacións, categoría a categoría, competición a competición, como cada semana, en www.futgal.es.

Ademais, sabedes que todas as táboas e o carrusel dominical en directo, en www.futboldacosta.com.

Comentarios