De ascensos e non ascensos no fútbol base da Costa

Segue o Fútbol da Costa dixerindo a nova reestruturación do fútbol base galego. I é que despois da creación, a comezos deste curso, da nova liga Provincial, a 1ª FUTGAL, en Xuvenís, Cadetes, e Infantis, que se situaba entre as comarcais e a Liga Galega, a Real Federación Galega de Fútbol volve refacer as categorías de cara ao cuso que vén.
Despois do ”galimatías” competicional nos últimos meses do curso pasado, o Dumbría, o Outes e o Xallas en categoría Xuvenil; Coristanco, Dumbría e Outes en Cadetetes; e Outes e Cee en Infantís, conseguían ascender á nova 1ª FUTGAL. Unha categoría que, deportivamente, foi bastante positiva para a meirande parte dos equipos (certo que o Outes sufríu algo máis) pero convertiuse nunha ruina económica para os clubs.
As viaxes foron demasiados custosas para a meirande dos clubs, nuns grupos organizados de xeito complicado pola complicación xeográfica do país, que por exemplo, situaban a Sofán e Bergantiños no grupo de Coruña, pero ao Coristanco tendo que viaxar ata Cambados.
O ente federativo, entendendo erro cometido, anula o Plan Competicional previsto para este curso, e volve reestruturar a competición de cara ao ano que vén, provocando que non haia ascensos na liga comarcal. Todos os equipos da 2ª FUTGAL pasarán a competir na nova 1ª FUTGAL comarcal, pero iso non deixa de ser un cambio de nome e non un ascenso como intentou sinalar o ente federativo nas primeiras reunións cos clubs.
Así, o ascendo do Dumbría á Liga Galega Cadete será o único que se produza este curso. Un Dumbría que se perfila como un dos principais perxudicados desta situación, que conta cun equipo campión en Infantís, que obrigará aos actuais alevíns e a seguir competindo en liga local o curso que vén. “É un ano totalmente perdido porque non temos acceso a nada, nin a unha fase”, sinala o presidente César Ferrío, destacando que o cadro dos Senra gañaron todos os partidos da liga. Se ben boa parte do equipo infantil é de segundo ano e competirá na Liga Galega Cadete o ano que vén, Ferrío pregúntase “Como lles dicimos aos nosos chavales campións van xogar cos mesmos equipos que están xogando este ano”. “A liga provincial era unha liga moi atractiva para equipos como o noso, pois é certo que aos da Costa sempre nos custa competir en Galega”.
Tamén sufrirán as consecuencias e non poderán ascender nin participarán nas promocións o Cee como campión Cadete, ou o Soneira, a piques de alzarse co título costeiro xuvenil.
Ascenso directo o ano que vén, en compensación
A boa nova para os clubs, trala negociación da subdelegación da Costa, é que a partir da 25/26, os campións das Ligas da Costa de base van ascender directamente á Liga Galega, sen a complicadísima promoción que leva alonxando durante décadas aos nosos equipos da competición autonómica.
Ademais, a liga costeira gardará un segundo posto para ir a esa promoción.
Con todo, os clubs costeiros esperan que a RFGF controle os equipos que queiran inscribirse na Liga da Costa o curso que vén.