Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Castriz, Porteño, Outes e Camariñas afrontan a recta final na loita polo ascenso á Liga da Costa

Os catro equipos que disputarán a fase de ascenso á Liga da Costa. Fotos: David Castro.
Os catro equipos que disputarán a fase de ascenso á Liga da Costa. Fotos: David Castro.
Castriz, Porteño, Outes e Camariñas afrontan a recta final na loita polo ascenso á Liga da Costa

Esta vindeira fin se semana comeza a carreira polo ascenso á Liga da Costa dos catro equipos que se meteron no playoff da Terceira Galicia costeira.

Polo que dende este domingo, Castriz, Porteño, Outes e Camariñas afrontan a recta final da tempada cun obxectivo común como é o ansiado ascenso á Liga da Costa e polo cal loitarán nunha fase que todos prognostican como moi igualada e a cal terá moi eliminatorias moi disputadas.

Para analizar este playoff de ascenso que se presume emocionantísimo quixemos falar con Sebas Rial da SD Castriz, Pepe Wii do CF Porteño, Quin Martínez do Outes FC e Miki Pose do Camariñas FC.

Os protagonistas

Sebas Rial, xogador da SD Castriz

Sebas Castriz

  • QPC: Dos catro equipos que loitaredes polo ascenso á Liga da Costa. A cal ves coma o gran favorito para acadar o obxectivo?

S.R.: Nunha fase de ascenso non vexo que haxa favoritos. Calquera dos catro equipos ten unha boa oportunidade para conseguir o premio do ascenso e estou seguro que o darán todo, o que fará que sexa complicado enfrontarse a calquera deles.

  • QPC: Como chega o Castriz a este playoff de ascenso?

S.R.: O Castriz chega ilusionado e con ganas de xogar, pero mentalizado de que vai ser complicado porque eles tamén queren gañar e calquera erro pode ser decisivo nunha eliminatoria.

  • QPC: Como ves esta primeira eliminatoria na que vos enfrontaredes ao Camariñas?

S.R.: O Camariñas ten un equipo con xente moi rápida do medio para arriba, saben ao que xogan porque teñen armas para iso.

Será complicado este primeiro partido xa que como dicía, eles teñen xente rápida e o campo de Camariñas vailles ben para o seu xogo. Seguro que será unha eliminatoria moi igualada e bonita de ver.

  • QPC: Senón conseguisedes o ascenso, dende dentro do vestiario consideraríades a tempada coma un fracaso?

S.R.: Pois sería un fracaso para nós os xogadores, para os adestradores, os directivos e tamén para toda a xente que nos segue, xa que este ano puxeron moito empeño e esforzo en conseguir o obxectivo do ascenso. Sería un duro golpe, pero para o ano volveríamos a intentalo.

Pepe Wii, xogador do CF Porteño

Wii Porteño

  • QPC: Dos catro equipos que loitaredes polo ascenso á Liga da Costa. A cal ves coma o gran favorito para acadar o obxectivo?

P.W.: Sen dúbida e polo que amosaron durante a tempada, o gran favorito para acadar o ascenso é o Castriz. Foron moi regulares durante todo o ano e que fixo varias fichaxes que sexa o equipo a bater na fase de ascenso e o gran favorito para acompañar a Coristanco e Cabana na Liga da Costa.

  • QPC: Como chega o Porteño a este playoff de ascenso?

P.W.: O equipo comezou moi ben a tempada pero co paso das xornadas fomos de máis a menos.

No último mes de competición e debido aos resultados acadados, penso que non chegamos da mellor forma para afrontar a fase de ascenso.

De todas formas, temos un bo plantel e loitaremos en cada batalla restante.

  • QPC: Como ves esta primeira eliminatoria na que vos enfrontaredes ao Outes?

P.W.: O Outes é considerado, na miña opinión, coma un equipo moi forte dos que lle gusta xogar ao fútbol, ter o balón en posesión e así o demostraron na tempada.

Un gran equipo, que ao contrario ca nós, chega nunha tendencia positiva no que a resultados se refire.

Sen dúbida esperamos unha eliminatoira moi dura ante este equipo.

  • QPC: Senón conseguisedes o ascenso, dende dentro do vestiario consideraríades a tempada coma un fracaso?

P.W.: Na miña opinión, co actual plantel do Porteño podiamos estar competindo na Liga da Costa.

Dito isto e baixo a miña opinión, todo o que non sexa acadar o ascenso sería un fracaso en maiúsculas.

Quin Martínez, xogador do Outes FC

Quin Outes FC

  • QPC: Dos catro equipos que loitaredes polo ascenso á Liga da Costa. A cal ves coma o gran favorito para acadar o obxectivo?

Q.M.: Eu creo que non hai ningún como favorito, xa que cada partido é un mundo e pode pasar calquera cousa. Agora se me teño que mollar, o Castriz vén sendo o máis regular dos catro e o que mellores números ten, xa que marca moitos goles e encaixa pouco.

  • QPC: Como chega o Outes a este playoff de ascenso?

Q.M.: Pois a verdade é que creo que chegamos nun bo momento. Dos últimos catro partidos, gañamos tres e empatamos un, ante o campión de liga, o Coristanco.

  • QPC: Como ves esta primeira eliminatoria na que vos enfrontaredes ao Porteño?

Q.M.: Pois o Porteño é un equipo que lle gusta moito o fútbol de contacto vai ser unha eliminatoria dura onde a arbitraxe non vai ser nada doado e vai ser un rival moi complicado. Esperemos que ao final a eliminatoria caia do noso lado.

  • QPC: Senón conseguisedes o ascenso, dende dentro do vestiario consideraríades a tempada coma un fracaso?

Q.M.: Non, eu non o consideraría un fracaso xa que o equipo tivo varias baixas despois de baixar da Liga da Costa e o clube está formando un novo proxecto que terá que ir collendo forma pouco a pouco coa xente que acaba a etapa xuvenil para formar parte do primeiro equipo.

Miki Pose, xogador do Camariñas FC

Miki Camariñas

  • QPC: Dos catro equipos que loitaredes polo ascenso á Liga da Costa. A cal ves coma o gran favorito para acadar o obxectivo?

M.P.: Penso que calquera dos cato equipos que imos disputar a fase, temos posibilidades de acadar o ansiado ascenso. O Castriz reforzouse moi ben con xogadores de categorías superiores e ten a vantaxe do factor campo. Mentres tanto, o Porteño é un equipo duro defensivamente e en calquera xogada a balón parado creache perigo, ademáis que na Grixa é difícil gañarlles. E o Outes é un equipo que vén nun bo momento de forma e que comete poucos erros atrás, sendo difícil marcarlle.

Polo tanto, cada equipo ten as súas armas e é difícil prognosticar un favorito xa que creo que van ser eliminatorias moi igualadas.

  • QPC: Como chega o Camariñas a este playoff de ascenso?

M.P.: Chegamos con ganas e ilusión porque unha fase de ascenso non se xoga todos os días. Espero que poidamos contar con todos os xogadores, xa que nestes últimos partidos sempre faltou algún e nun plantel tan curto coma o noso, nótase.

De todas formas, os que estemos faremos todo o posible para devolver ao equipo a onde se merece.

  • QPC: Como ves esta primeira eliminatoria na que vos enfrontaredes ao Castriz?

M.P.: Agardo que sexa unha eliminatoria igualada tal e como foron os dous encontros de liga que nos enfrontamos a eles (1-1 en ambos partidos). Será unha eliminatoria intensa, polo que nos xogamos cada equipo e que se vai a decidir en pequenos detalles.

Temos que saír concentrados desde o principio e aproveitar todas as ocasións que teñamos. Ademáis, será importante deixar a portería a cero neste partido de ida e ir cun bo resultado para o partido de volta en Castriz.

  • QPC: Senón conseguisedes o ascenso, dende dentro do vestiario consideraríades a tempada coma un fracaso?

M.P.: Certo é que o obxectivo ao principio da tempada era conseguir o ascenso pero a tempada non saíu como todos queríamos por diversos motivos, aínda así agora temos a posibilidade de acadar o obxectivo marcado. De momento estamos centrados nesta fase. Despois cando se acabe a tempada xa se farán as valoracións oportunas.

Comentarios