Ponteceso busca financiamento autómico para restaurar un tramo da senda do Anllóns
O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, mantivo un encontro coa Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático no que avaliaron a execución de traballos de conservación nun tramo da senda do río Anllóns.
O rexedor presentoulle á responsable autonómica unha memoria valorada desta actuación -para mellorar o camiño con pavimento de xabre e o mobiliario urbano existente (como bancos e miradoiros sobre o río) feito en madeira e que está deteriorado polo paso do tempo- co fin de que sexa analizada tecnicamente para determinar a posibilidade de acceder a financiamento autonómico.
A finalidade do proxecto presentado polo alcalde é continuar coas intervencións de conservación realizadas en exercicios anteriores, como as desenvolvidas o ano pasado co apoio da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático nun treito de case medio quilómetro dun sendeiro peonil dun quilómetro de lonxitude en total e que discorre tamén paralelo ao río Anllóns.
A maiores, o alcalde e a conselleira abordaron os traballos que está a facer Augas de Galicia para a definición do proxecto para crear unha área de inundación controlada en Ponteceso, na contorna do río Anllóns. Neste sentido, os técnicos do organismo autonómico están en contacto cos do Goberno local co fin de deseñar a mellor solución
posible para reducir os episodios de asolagamentos que se rexistran na zona en momentos de choivas intensas, como as das últimas semanas.
