CF Dumbría e SD Compostela unen camiños
Impulsar a práctica futbolística na bisbarra, e medrar conxuntamente tanto social como deportivamente, son os alicerces do novo convenio de colaboración asinado entre a Sociedade Deportiva Compostela e o Dumbría CF .
Tralas reunións mantidas nos últimos meses, ambos equipos alcanzaron un acordo mediante o cal o Compos axudará ao Dumbría á captación de xogadores da contorna e ambos colaborarán para a creación do Combinado Vákner en categoría benxamín e alevín, equipos que participarán xunto á Selección Compostec en diferentes torneos.
Nesa liña, pero a medio prazo, propoñen a idea de crear o Combinado Vákner, unha escola de tecnificación dirixida a potenciar o talento da comarca con adestradores de primeiro nivel.
O club dumbriés poderá participar nas xornadas de formación que organiza a SD Compostela e asistir gratuitamente aos encontros que o conxunto branquiazul dispute no Vero Boquete. Ademais os xogadores do Dumbría poderán asistir a adestramentos co Compos.
O primeiro froito deste convenio, será a organización dun Campus de Verán en Dumbría.