Martes. 08.10.2024
El tiempo

A PREVIA ARBITRAL

Domingo estelar na Liga da Costa

Alberto Bana no Ponteceso Corme da semana pasada
Alberto Baña no Ponteceso-Corme da semana pasada
Domingo estelar na Liga da Costa

Ben ben pronto chegan as emocións fortes á Liga da Costa. Despois dun apaixonante derbi da vila de Pondal xogado no exilio (Platas Reinoso) e que se saldou con moitos goles e igualada final (Ponteceso 3 Corme 3), esta fin de semana dous partidos poden comezar a marcar diferenzas, ou cando menos supoñer vitorias sicolóxicas para o seguinte tramo da competición.

Por unha banda, o campo das Pedreiras acollerá (domingo, 16.30 horas, David Castreje) o duelo entre os, actualmente, dous mellores equipos da competición: San Lorenzo e Ponteceso. Quince puntos suman os locais, trece os visitantes, dese duelo sairá o líder da competición ao remate da xornada.

E, por outra banda, no Cairo (domingo, 17.00 horas, Manuel Espasandín) mediranse Corme e Esteirana, dous dos grandes favoritos e os dous únicos equipos que aínda non coñecen a derrota esta temporada, alternando a partes iguais triunfos e empates nas seis xornadas precedentes. 

Ao liderado da súa categoría tamén aspira, contra toda previsión, o equipo feminino do Cee, que, debutando na categoría, presenta unha magnífica folla de servizos neste comezo de temporada: catro xornadas, tres vitorias e nove puntos no seu casilleiro, a só tres da cabeza. Nesta quinta etapa reciben (domingo, 12.00 horas, Sampaio de Refoxos, José Ageitos) ao Victoria C, que leva só dous puntos menos.

Dobre visita do Compostela

Haberá fútbol base ao máximo nivel na Costa da Morte esta fin de semana, e en parte o protagonismo virá dende a capital do país: o Compostela rende dobre visita ás nosas terras.

Por un lado, o Compostela de Liga Galega Xuvenil (cuarto clasificado, a tres puntos da cabeza) medirá o rexurdir do Bergantiños, que despois dun mal comezo de competición vén de sumar dúas vitorias consecutivas que lle permiten coller aire e asentarse no medio da táboa. O encontro será o sábado, ás 16.30 horas, nas Eiroas, e estará dirixido por Luis Insua (auxiliado por Iván Ferreiro e Alfonso Caamaño).

Á mesma hora, pero no Conco, o Compostela de Liga Galega Cadete visita ao Dumbría (arbitrará Marcos Ordóñez, auxiliado nas bandas por Carlos Señarís e Anxo Rey). Tamén aquí o Compostela está na parte alta da táboa, a tres puntos do líder, en tanto para os locais a situación é apremiante, con só tres puntos, obtidos precisamente no seu feudo hai quince días. 

Tríos arbitrais costeiros polo mundo

Como é habitual cada semana, a Subdelegación de Árbitros da Costa da Morte enviará colexiados e tríos arbitrais a partidos nas diferentes categorías do fútbol galego.

O domingo haberá trío costeiro na Preferente Sur para o partido entre o Gran Peña e o Mondariz (Municipal de Barreiro, 17.00 horas, Adrián Pérez, Bruno Méndez e Óscar Santos). Na xornada do sábado, Bruno Méndez comandará trío para o partido da División de Honra Xuvenil entre Calasanz e Val Miñor (Elviña Grande, 16.30 horas), auxiliado nas bandas por Rubén Reborido e Pablo Rama.

Sen saír das fronteiras, dous tríos costeiros dirixirán partido na Primeira Galicia. Alberto Baña pitará o Mazaricos-Flavia (domingo, 16.30 horas, Peña do Ouro, auxiliado por Pablo Rama e Sebastián Pérez) e David Vázquez o Dumbría-Piloño (domingo, 17.30 horas, auxiliado por Juan Marcos Ríos e Manuel Rodríguez).

E moito máis fútbol nas competicións locais

Na categoría xuvenil, o Soneira ten todo de cara para facerse co liderado nesta quinta xornada, pero no fútbol todo pode pasar. O Seaia acumula catro vitorias en catro partidos, expediente inmaculado, pero desta volta ten xornada de descanso, polo que os de Vimianzo, que até o de agora só cederon un empate, poderían alcanzar a cima de maneira provisional se son quen de dobregar no seu feudo (sábado, 16.30 horas, David Cancela) a un Cee que busca estrear o seu casilleiro de puntos.

Nos cadetes é o Fisterra o equipo que defende o seu pleno de catro vitorias en catro partidos. Farao tamén na casa e o rival será tamén o Cee, pero nunhas circunstancias distintas, xa que na categoría cadete o equipo da Vila da Xunqueira é actualmente segundo clasificado a só tres puntos, polo que podería saír líder deste partido. O duelo será na matinal do domingo no Arasolis (12.00 horas, Óscar Rey).

Na categoría infantil semella que, un ano máis, imos vivir un enfrontamento até o final entre Dumbría e Cee. Polo de agora, con catro xornadas disputadas, ambos están no máis alto da táboa, sumando os seus partidos por vitorias (algo que tamén fixo, igualmente, Os Miúdos). Nesta xornada ambos disputan os seus encontros como locais, o Dumbría fronte ao Corme (sábado, 10.00 horas, O Conco, Manuel Trillo) e o Cee fronte ao Sofán (sábado, 12.00 horas, Sampaio de Refoxos, Adrián Pérez). Os Miúdos, caso semellante, recibe ao cuarto clasificado, o Ponteceso (sábado, 16.00 horas, Eleuterio Balayo).

No fútbol veterano, o partido da xornada vivirase no Conco (domingo, 11.00 horas, Manuel Espasandín) e enfrontará ao Ponteceso (quinto clasificado) e ao San Lorenzo (segundo).

---

Todas as designacións, categoría a categoría, competición a competición, como cada semana, en www.futgal.es.

Ademais, coma sempre, o todas as táboas actualizadas e o carrusel dominical en www.futboldacosta.com.

Comentarios