Un Doro emocionado recolleu, por sorpresa, o Premio Histórico na Gala QPC
- Facemos un completo repaso á súa carreira coa colaboración do Concello de Santa Comba

Impresiona ver a unha persoa como Doro coas bágoas nos ollos. Colleulle de sorpresa, no marco da IX Gala do Fútbol da Costa, o Premio Histórico a Doro. O equipo de QPC, consciente de que o xogador, capitán, adestrador e presidente do Xallas non ía fallar á súa cita da Gala (ten demostrado que non é dos que só ven cando está nominado) quixo deixar este premio como sorpresa. E o xalleiro respondeu emocionándose ao recoller o premio mentres Mónica Martínez debullaba e debullaba a súa historia.
Aínda está en activo aos seus 46 anos… ollo, e esperemos que por moito tempo. Pero detrás cómpre render unha longuísima carreira de máis de 30 temporadas ás súas costas, case sempre vinculado a Santa Comba (vestiu as cores de todos os equipos xalleiros: o At. Mineiro, o Xallas, o Castriz e mesmo o Xallas de Santa Comba), pero que tamén soubo deixar moitos amigos alí onde foi, Malpica, Negreira, Dumbría. (diapo 60) Ten 7 Copas da Costa (o xogador con máis trofeos da historia da competición), 6 ascensos, sendo dos poucos xogadores en activo que xogaron nas 5 categorías do fútbol afeccionado en Galicia; ten sido nomeado 2 veces elixido polos seus compañeiros como “Mellor xogador da Costa” nas galas de QPC… O seu palmarés é irrefutable.
Pero se cadra, o máis importante, é que ademais do que demostra sobre o céspede, e no vestiario, tamén o demostra fóra do campo, como fixo este ano asumindo responsabilidades como presidente do club do seu corazón. Sempre, absolutamente sempre, sendo un exemplo para todo o mundo, e como fixemos nas Galas de presentación do Álbum de Fútbol base, un exemplo, un espello de aquí onde as novas xeracións poden mirar o seu futuro.
Gracias Doro.
RESUMO DA SÚA CARREIRA (coa colaboración do Concello de Santa Comba
Sergio Prego Cancela (Santa Comba, 03/11/1977) é un futbolista afeccionado, recoñecido pola súa brillante traxectoria, logo de xogar en tódalas categorías do fútbol afeccionado galego no transcurso de 4 décadas, a última do século XX e as tres do século XXI, e de facer goles en todas e cada unha desas máis de 30 temporadas de carreira deportiva.
“Doro”, como é coñecido conservando un alcume familiar, naceu na parroquia xalleira de Bazar, sen infraestrutura deportiva de ningún tipo durante os anos 70 e 80; só unha “leira”, nas que pasou horas e horas cun balón con veciños e amigos; lonxe de calquera estrutura deportiva de formación futbolística en idades temperás. Só Colexio e campo de terra. Un autodidacta do fútbol.
Isto non impediu que, entrado na adolescencia, se federase por primeira vez como futbolista a comezo da década dos 90 do século pasado, no seu primeiro club, a SD Castriz, recén creada na parroquia limítrofe coa súa natal Bazar.
No Castriz, en idade cadete, xoga xa coas categorías xuvenil e afeccionado, destacando xa pola súa velocidade, capacidade de desequilibrio e condición goleadora. Nesa etapa convértese en referente local, o que lle fai dar un salto sen demasiados precedentes do fútbol afeccionado: co comezo do século, pasa da 2ª Rexional (penúltima categoría no escalafón futbolístico) ata a 3ª División (4 categorías superior), fichando polo Malpica na temporada 2000-2001.
Lonxe de quedarlle grande a categoría, dado o salto ao semi-profesionalismo, Doro convértese nun dos mellores xogadores da Terceira Galega, unha das máis potentes do fútbol español; anotando 13 goles desde a posición de extremo dereito, a que o converte en recoñecido e valorado por afeccionados e profesionais do fútbol, no só do entorno costeiro, senón que en toda Galicia, e incluso traspasando as nosas fronteiras.
A súa carreira relánzase neses primeiros anos de século, participando ademais nun dos partidos máis emblemáticos da historia do fútbol galego. O 17 de Decembro de 2002, máis de 20.000 persoas se unen nun partido benéfico a prol dos traballadores do mar no Estadio de Riazor, representando o “Nunca Máis” logo do desastre do Prestige, nun partido entre o Deportivo da Coruña e unha Selección de xogadores costeiros, na que Doro é titular, e 21 anos despois segue en activo.
Logo de 2 exitosas temporadas na 3ª División coa camiseta da SD Negreira, Doro volta a Santa Comba para xogar no Atlético Mineiro, na Preferente, logrando un histórico ascenso de á 3ª División, o primeiro dun equipo de Santa Comba á máxima categoría do fútbol afeccionado.
Durante 9 temporadas coa camiseta do Santa Comba CF en 3ª División e na Preferente galega, Doro establécese como un dos mellores xogadores afeccionados de Galicia, consolidando unha traxectoria na que ademais dos títulos deportivos comeza a recibir premios á súa traxectoria e a figurar como referente social do deporte xalleiro, costeiro e provincial.
Logo de 1 temporada no Dumbría CF, na que continúan os éxitos deportivos, volve a Santa Comba para xogar no equipo histórico do seu pobo, o Xallas CF, no que continúa a día de hoxe, sendo ademais de xogador, o presidente dun club con máis de 200 licencias, a inmensa maioría de fútbol base; transmitindo os valores deportivos tamén desde a faceta de adestrador.
Si hai unha competición que merece un pequeno capítulo aparte na traxectoria deportiva de Doro, esa é a Copa da Costa.
Esta competición oficial que reúne e a tódolos equipos da delegación da Costa do fútbol galego desde hai 60 anos, está considerada dentro do fútbol galego como a competición de carácter afeccionado que concita maior expectación, ata tal punto que na última década a final se retransmite polas distintas canles da TVG.
Tanto nas eliminatorias como na gran final congréganse milleiros de espectadores, e nas últimas 2 décadas Doro leva acadadas 7 trofeos con 3 equipos distintos, sendo o xogador con mellor traxectoria nesta competición.
Os méritos de Doro, como se veu trasladando nesta memoria, non se reducen só ó ámbito deportivo. Doro é un futbolista moi valorado por afeccionados, rivais, árbitros, adestradores, medios de prensa… pola súa corrección, cercanía, respecto ás normas e ó deporte, transmitindo un carisma persoal en cada actividade na que participa; e sendo un exemplo tamén, de superación deportiva saíndo dun concello do rural coruñés, tradicionalmente carente de instalacións e lonxe dos grandes focos futbolísticos de Galicia.
PALMARÉS DEPORTIVO
- 7 Copas da Costa de fútbol.
- 1 Supercopa da RFGF( Delegación da Costa- Delegación do Sar)
- 6 ascensos de categoría, sendo dos poucos xogadores en activo que xogaron nas 5 categorías do fútbol afeccionado en Galicia.
- 2 veces elixido “Mellor xogador da Costa”.
- 3 veces elixido” Mellor xogador da Final da Copa da Costa”.
- 2 veces “Pichichi” da Liga da Costa (2ª Rexional)
- 9 Temporada na Terceira División Galega.
- 14 temporadas na Preferente Galega.
- 2 temporadas na Primeira Autonómica.
- 3 temporadas na Segunda Autonómica
- 1 temporada da Terceira Autonómica.
- 30 temporadas consecutivas facendo goles en Competición Federada.
Equipos:
- S.D Castriz
- S.D.C. Malpica
- S.D Negreira
- Club Atlético Mineiro.
- Santa Comba C.F.
- Dumbria C.F.
- Xallas F.C.