Esta granxa xa da bo leite
02:20 07/06/17
Tasky, especialista ata hai pouco en goles e explotacións gandeiras, leva as rendas dun Baíñas do que foi fundador e que pasa por ser a gran sorpresa da Copa da Costa
Tasky, na súa etapa aínda de xogador do Baíñas
Un dos equipos máis imprevisibles, sorprendentes e tamén novos do fútbol da Costa é un Baíñas que funciona dun xeito algo distinto aos demais, cunha mestura de representación da parroquia e xogadorazos da zona que se ben acostuma apuntar alto sempre ven coa muletilla do 'pero'. Sucedeu os dous últimos cursos, e tamén no presente, no que primeiro sufriu para salvar a categoría e agora, despois de dous meses a nivel de campión, é tamén a gran revelación dunha Copa da Costa na que se cargou ao Baio, vencedor da Liga, e na que xa agarda en semifinais ao Fisterra. E na garita de mando está unha das facianas máis recoñecibles da localidade, José Antonio Blanco Carballo 'Tasky' (Baíñas, 1981), quen ademais é un dos pais fundadores da entidade.
Ata hai uns meses había dúas cousas que ao ex do Dumbría se lle daban moi ben: marcar goles e sacar leite e demais víveres da explotación gandeira que leva desde hai anos. Agora, coas botas colgadas, é máis de pizarra e desde o banco 'ordeñar' as virtudes dun conxunto que ten comezado a producir leite hai moi pouco. E o propio técnico ten claras as razóns. "Polo que a min se refire o que fixen foi falar cunha persoa que eu creo que çe das que máis sabe de fútbol e díxome tres cousas: que puxera a Braulio atrás, que fichásemos a alguén se podíamos e que cambiase o sistema, simplemente para que os futbolistas viran que non dábamos todo por perdido", confesa. "Foi cando íamos últimos a tres puntos do Laxe, esa semana trouxemos a Canedo e comezamos sacar partidos, creo que xa tiñamos bo equipo, pero deunos esa confianza e seguridade que lle faltaba a algún futbolista", engade Tasky, que pese ao relumbrón desa chegada matiza a suposta condición do Baíñas de clube de abundancia. "Collemos fama en Terceira cando fichamos a Javi Suárez; tiñamos a Juan de presidente, que a xente sabía quen era do Soneira e xuntaba moitos cartos, aparte de que era moi ambicioso; por iso, os dous anos anteriores quixo facer equipo para vencer e iso nun grupo que acaba de nacer é normal que se colla esa fama, pero custa moito xuntar o diñeiro para cada tempada", advirte.
A dous encontros dunha final copeira, por diante ten agora o reto dun Fisterra que ven de competir en Primeira e tamén cun pau físico nas pernas. Pero o adestrador dos vimianceses ten claro que o favoritismo é para o conxunto histórico, do que agarda precisamente esas virtudes tradicionais. "Espero un rival moi duro, moi físico e que ten grandes xogadores que crecen nestes encontros; Fisterra sería máis asequible noutra situación que non fose unha semifinal copeira", subraia unha persoa precisamente con moitas semifinais ao lombo, e que aínda non ve tan lonxe a súa etapa sobre o pasto. "Claro que pican as ganas, pero agora xa non estamos para eses trotes e disfruto moito deste xeito", di.
Un dos debes para o Baíñas pasa tamén por ser capaz de configurar un equipo para carreira de fondo, que confirme en competicións a longo prazo o que insinúa nos cara a cara, debido ao seu talento. "Penso que si, que de momento vainos mellor nese cara a cara, porque cando estabamos mal xa competimos moi ben cos de arriba", apunta Tasky. "Non creo que poida ser o obxectivo do Baíñas loitar polos títulos, como xa dixen tentouse o pasado curso e esta vez custou moito aguantar do equipo; algún ano pódese pelexar por estar arriba, se colles unha boa xeración de rapaces, pero o primeiro é asentar o equipo e non subir e que despois non haxa grupo", prosigue.
E mirando máis alá na lontananza, xurde o interrogante que persigue a tódolos clubes novos. Ata onde pode dar unha entidade de parroquia? Para o adestrador do Baíñas, a cuestión é o traballo. "No noso caso a traxectoria aínda non é moi longa, creo que a directiva está a traballar ben e que aínda se pode ampliar; creo que é moi importante a amizade con varios futbolistas para formar un grupo así e competir". E senón, que lle quiten o bailao.