mércores. 19.11.2025
El tiempo

O alumnado de Mazaricos coñece as Pegadas de Castelao

PEGADAS DE CASTELAO
O alumnado de Mazaricos coñece as Pegadas de Castelao

Ademais da obra de Luís Iglesia e Camila Bossa deste domingo, a Casa da Cultura da Picota acollerá este venres 21 de novembro ás 11:30 horas o espectáculo "Pegadas de Castelao", unha iniciativa da Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Mazaricos dirixida ao alumnado de Educación Primaria dos colexios do municipio.

A obra ten como obxectivo principal difundir a figura e obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao en todas as súas facetas -escritor, político, artista e promotor cultural- dunha forma amena e divertida, adaptada ao público infantil. Para iso, combina diferentes técnicas dramáticas como monicreques de silueta, de luva e cabezudos inspirados nos debuxos e relatos do autor, teatro de actor, pantomima e cantar de cego, todo acompañado por música en directo e cantigas populares vinculadas á súa vida e obra.

Unha aproximación lúdica á figura de Castelao

"Pegadas de Castelao" busca mostrar as profundas pegadas que o autor deixou na historia e cultura de Galicia, así como avivar o interese do alumnado por afondar no coñecemento da súa vida, obra e pensamento. "É fundamental que os nenos e nenas de Mazaricos coñezan desde pequenos as figuras máis relevantes da nosa cultura, e facelo dun xeito lúdico e participativo é a mellor forma de asegurar que este coñecemento cala neles", sinalou o técnico de Cultura, Jesús Jurjo Lado.

A actividade enmárcase dentro do compromiso das administracións públicas por promover a educación cultural desde as idades máis temperás, facilitando o acceso a contidos de calidade que contribúan á formación integral do alumnado.

Comentarios