Venres. 29.03.2024
El tiempo

Fieis do verde

Capis do Soneira e Tordoia co trio arbitral
Capis do Soneira e Tordoia co trio arbitral
Fieis do verde

Este domingo a xente de máis fe da nosa comarca terá que decidirse entre as súas dúas devocións: o fútbol atrévese a competir coa igrexa e programa, para este domingo ás doce da mañá, hora clásica do sermón, varios menús do máis atraínte.

Así, na Liga da Costa, ese será o horario escollido para o partido da xornada: Ponteceso-Muxía (Platas Reinoso, Daniel Martínez). Os da vila de Pondal, guiados por Pablo Mallón, seguen líderes cun expediente de matrícula de honra (nove vitorias, un empate e unha soa derrota en once partidos), en tanto os da vila da Barca, aspirantes a todo sobre o papel, dirixidos no banco polo dueto Lobelos-Leis, levan unha temporada irregular que están comezando a enderezar, e despois de dúas vitorias consecutivas atópanse xa no quinto posto da táboa. A distancia entre ambos é atalora de nove puntos, polo que quizais os visitantes teñan que arriscar máis neste encontro. 

Á mesma hora, pero no campo de Xaviña, mídense dous equipos, Buño e Coristanco (arbitrará Óscar Santos), que parecían predestinados a pelexar pola salvación pero viven temporadas moi distintas. Os locais buscan, aínda, nesta duodécima xornada, a súa primeira vitoria da temporada, fundidos na penúltima posición pero, sobre todo, nunha rutina moi perniciosa. Os pataqueiros, pola contra, recén chegados á categoría, suman xa dezasete puntos que lle  permiten, polo de agora, respirar tranquilos, con dez de marxe sobre a zona de perigo, algo que seguramente asinaban antes do arrinque da competición.

E tamén no horario de misa disputan os seus encontros os tres equipos do fútbol feminino costeiro. No grupo tres da Segunda, As Miúdas viaxan para enfrontarse ao Carreira, en tanto o Cee, convertido nunha das revelacións da temporada (sete vitorias e un empate), recibe (Sampaio de Refoxos, David Castreje)  no duelo estelar da xornada ao líder intratable da competición, o Xuventú Aguiño (oito vitorias noutros tantos partidos). A vitoria das da Xunqueira podería colocalas igualadas no alto da táboa, pero a empresa non semella sinxela. O Bergantiños, encadrado no grupo 1, pola súa banda, recibe nas Eiroas (Vítor Recarei) ao Unión Campestre, co obxectivo de sumar tres puntos que as manteñan na pugna pola zona nobre.

Árbitros costeiros ao longo do país... pero maiormente na Coruña

A Subdelegación da Costa da Morte enviará esta fin de semana máis de media ducia de colexiados país adiante, aínda que o destino da maioría será a cidade da Coruña ou as súas inmediacións.

Marcos Ordóñez, o colexiado máis veterano da Subdelegación, dirixirá na tarde dominical o derbi coruñés da Preferente que mide (18.15 horas, A Grela 1, auxiliado por Naim Juncal e Manuel Espasandín) a Montañeros e Arteixo. Será un duelo de sufrimento, os locais son agora mesmo colistas da competición con tan só sete puntos, en tanto o Arteixo tampouco está respondendo ás expectativas e acumula só dezasete puntos, situado na zona morna da táboa.

Na Primeira Galicia haberá trío costeiro en Vilaboa (domingo, 17.00 horas, Alberto Baña, Iván Vilanova e Sebastián Pérez) para o Olímpico-Club do Mar, equipos que se atopan practicamente parellos na clasificación (trece e catorce puntos, respectivamente), o que promete un duelo do máis interesante.

Tamén haberá trío arbitral costeiro na matinal do domingo para o encontro da División de Honra Xuvenil que enfronta a Ural e Marina Sport. Será a partir das 10.00 horas, na Grela 1, e xunto a Bruno Méndez estarán nas bandas Alberto Baña e Óscar Rey. 

Fóra da Coruña, Rubén Reborido e Adrián Pérez actuarán como asistentes do coruñés Adrián García no duelo de Terceira División que mide a Choco e Ourense (Santa Mariña, domingo, 16.30 horas).

Competicións que avanzan, competicións que comezan

O fútbol oito costeiro, igual que no resto do país, rematou a súa liguiña inicial, e agarda á próxima semana o comezo da competición regular na Costa. No entanto, como aperitivo, os catro equipos (dous alevíns e dous benxamíns) que clasificaron para a liga comarcal (A Coruña, As Mariñas e Costa da Morte) inician esta fin de semana xa a súa andaina. O arrinque da competición depáranos, entre outros enfrontamentos, visita de todo un Deportivo da Coruña de alevíns, que visitará O Conco para medirse ao Dumbría (domingo, 12.15 horas, Anxo Rey).

Xusto antes, nese mesmo escenario (10.00 horas, Iván Ferreiro), terá lugar o duelo entre os dous primeiros clasificados da División de Honra do fútbol veterano costeiro. O Dumbría, que está completando unha magnífica temporada, pode dar por fin caza, de gañar, ao vixente campión e líder intratable da competición, o Sporting Zas, que aínda non sabe o que é perder neste curso 2019/2020.

Na categoría xuvenil tamén haberá un duelo por todo o alto que podería deparar cambio de liderado. Será nas Redondas (sábado, 16.30 horas, Daniel Martínez), e mediranse Cabana e Soneira, cuarto e primeiro clasificados pero separados por só dous puntos nunha clasificación moi moi apretada na que tamén Sofán e Outes poden acabar a xornada como líderes.

Todas as designacións, categoría a categoría, competición a competición, como cada semana, en www.futgal.es.

Comentarios