Martes. 19.03.2024
El tiempo

Fútbol en esencia pura. Que os nenos gocen

Manuel Gonzalez Corredoira Delegado da Coruña e da Costa da RFGF
Manuel Gonzalez Corredoira, Delegado da Coruña e da Costa da RFGF
Fútbol en esencia pura. Que os nenos gocen

Fai tres anos xa que a Xunta Directiva da RFGF, presidida por Rafael Louzán, fixo realidade a creación dunha sé da Real Federación Galega de Fútbol na Costa, en Baio, e, desde aquí, o primeiro paso, ademais de facer un delegación arbitral e cursos de adestradores, foi a creación das Seleccións da Costa de Fútbol Base (cadete-infantil e alevín), así como a unificación tan demandada da competición xuvenil. Foi o primeiro paso importante dado desde a RFGF, sempre cunha idea clara: Potenciar o máximo o Fútbol base costeiro.

Esta tempada, infantís de primeiro ano, alevínss e benxamíns de segundo ano, serán os protagonistas desas seleccións e todos eles, xuntamente cos seus adestradores, son protagonistas deste álbum de cromos que, como o de afeccionados, é pioneiro no fútbol galego, magnífico traballo auspiciado por Quepasanacosta.

E digo que son os protagonistas porque é a gran realidade, e non só no álbum, senón neste deporte e xogo que é o fútbol e, en especial, o fútbol dos nenos e nenas: é dos nen@s e para os nen@s.

Desde prebenxamíns ata xuvenís, as competicións da Costa son unha realidade. Un total de 106 equipos toman parte nos campionatos que organiza e controla a RFGF, con representación nas Ligas Autonómicas Xuvenil e Cadete e nas recentemente creadas competicións comarcais de alevíns e benxamíns, onde hai 4 representantes da Costa.

E este fútbol base, ten un único e indiscutible obxectivo: que os nenos gocen xogando ao fútbol e que se formen como persoas e como futbolistas, en valores como a amizade, o compañerismo, o respecto, a disciplina, a educación. En definitiva, formarse para a vida mesma da persoa, onde todos, absolutamente todos, debemos de estar involucrados.

É certo, e indiscutible, que no deporte de competición, a todos gústanos gañar, pero ese non debe de ser, nin de longo, o obxectivo no fútbol base. O resultado, aínda que moitos pensen o contrario, debe de ser absolutamente secundario no fútbol de formación. E o fútbol de formación é, nin máis nin menos, o fútbol dos nenos, onde eles sexan os únicos e incuestionables protagonistas, como neste álbum de cromos, e onde a maior recompensa que poidamos ter todos os que, dunha ou outro xeito, formamos parte do fútbol, é ver como os nenos progresan paso a paso, firme e seguro, e que, nos partidos contra outros nenos, que durante 50 minutos son rivais deportivos, gocen e fórmense.

Niso debemos de traballar todos, sen excepción, e ese debe ser o noso camiño, potenciar ao máximo a todos os deportistas, xogadores, árbitros e adestradores, gozar de facer deporte e formarse en valores para a vida e facerlle comprender aos nenos que gañar, empatar ou perder é parte do deporte de competición, pero que o máis importante nestas idades é formarse para a vida paso a paso.

E non quero acabar sen referirme a unha parte importante do noso fútbol, poucas veces recoñecidos polo seu labor, e si criticados, en moitas ocasións sen fundamento, máis que o que pode proporcionar o erro ou a disparidadr de criterios. Refírome aos árbitros, que debemos coidalos, apoialos e axudalos. O seu labor é complicada, moi complicada, e non sempre recoñecemos que, en moitas ocasións, os equivocados somos nós e non eles, pero sempre é máis fácil escudarnos nos seus erros para tapar os propios. Debemos entendelos como unha parte do xogo, respectalos e axudalos. Todos queremos que nos respecten pero, nós facémolo á inversa?

En definitiva, no fútbol base debemos de restar dramatismo ante a derrota ou euforia no triunfo. Velo como unha circunstancia do xogo e tomalo como tal. So lográsemos, seguro seriamos moi felices e gozariamos moito máis.

Aproveito desde aquí para felicitar a todos os que fan realidade este álbum a QUE PASA NA COSTA, e agradecer a todos os que fan realidade o fútbol da Costa: clubs, directivos (traballo impagable o seu), adestradores, árbitros e, sen dúbida, aos afeccionados, verdadeiros sufridores domingo tras domingo.

En definitiva, grazas por facer cada día máis grande e apaixonante o Fútbol da Costa. E, desde a RFGF, co noso presidente á fronte, seguiremos aportando e apoiando a este fútbol de paixón.

Portadas dos Albums do Futbol da Costa de Futbol Base

Toda a información do álbum de cromos

Comentarios