FUTFEM: O Muxía acadou o ascenso á 2ª Div. tras endosar a primeira derrota do ano ao Corme
- A Esteirana quedou ás portas do ascenso.

Rematou a Liga da Costa FEM, e a nota máis destacada foi a consecución do ascenso por parte do Muxía. O Cadro de Isma Pose conseguía endosar a primeira derrota do curso ao poderoso Corme, que quedou a unha xornada de rematar a liga invicto. As Corviñas logran un ascenso histórico na súa segunda temporada en competición, na que tamén están na final da #CopadaCosta.
O partido disputado na mañá dominical en Arliña estivo condicionado polas baixas do cadro cormelán (Naroa, Aroa, Laura, María, Irene, Aurora…), pero é que ademais, no min.40, co empate a 1 tralos goles de Barca e Carla Pose, lesionábase Lucía Rod., e tiña que colocarse Belén baixo paus e a porteira habitual, Lucía Dourado, situábase no medio campo. Antes do descanso, Barca xa facía o segundo, e na segunda parte, comandadas por unha Patri Romaní única, e con Barca tamén moi participativa facendo moito dano entre liñas, esta conseguía facer outros 4 tantos e rematar cun póker de goles.

Tiña posibilidades aínda Esteirana tamén tiña unha remota esperanza pero tiña que gañar ao poderoso líder e esperar varias derrotas tanto do Muxía como do Eirís. Con todo, as de Fran Figueroa despiden a temporada con gran sabor de boca tras vencer 2-1 ás campionas, o Céltiga, cun gol de Lara sobre os 90 regulamentarios.
Polo demais, non había nada máis en xogo, ademais da pichichi e da porteira menos batida, que repasaremos mañá. E só quedamos pendentes da final do vindeiro domingo entre Dumbría e o propio cadro muxián, e como non, da X Gala do Fútbol da Costa que se vai celebrar o venres 13 de xuño en Vimianzo, no que o FUTFEM será protagonista.