Martes. 19.03.2024
El tiempo

Gabriel Lago e Fernando Mato analizan o duelo de altas esferas na Liga da Costa xuvenil

Gabriel Lago e Fernando Mato. Fotos: David Castro.
Gabriel Lago e Fernando Mato. Fotos: David Castro.
Gabriel Lago e Fernando Mato analizan o duelo de altas esferas na Liga da Costa xuvenil

Este vindeiro domingo, o Eleuterio Balayo acolle o partidazo da xornada na Liga da Costa xuvenil entre o primeiro clasificado, o Cabana, e o segundo, Os Miúdos.

Este encontro pode deixar aos cabaneses máis líderes e cunha vantaxe máis cómoda á fronte da clasificación ou pode facer que os muradáns igualen aos das Redondas na táboa clasificatoria e que lle den máxima emoción a esta liga xuvenil.

Con motivo deste duelo de altas esferas, dende Que Pasa Na Costa quixemos falar cos seus dous adestradores: Gabriel Lago do ED Os Miúdos e Fernando Mato do Cabana SD.

Os protagonistas

Gabriel Lago, adestrador do ED Os Miúdos

Gabriel Lago Os Miúdos

QPC: Que opinión tes sobre o voso rival desta vindeira fin de semana co que vos xogades o liderado da liga?

G.L.: Pois de momento é o mellor equipo da liga, así o di a clasificación. Un equipo moi competitivo, moi intenso en todas as facetas do xogo, e que non dá facilidades e con iso calquera equipo ten moito gañado.

Ata o momento, este é o partido máis difícil da tempada.

QPC: Estes partidos son dos que sempre gusta xogar. Como están os ánimos no vestiario para afrontar este encontro de vital transcendencia?

G.L.: Despois das últimas vitorias o equipo está máis metido e ilusionado que nunca, ainda que ilusión e compromiso nunca nos faltou dende que empezamos a pretempada, pero debemos ter os pés no chan, e ir pasiño a pasiño, sabendo que dando o 100% de nós cada semana vai ser moi difícil que alguén nos gañe, agora senón damos ese nivel, calquera nos pode gañar.

QPC: No partido da primeira volta o resultado foi de 3-2 a prol do Cabana. Que cres que tedes que facer para devolverlle a moeda aos cabaneses no Eleuterio Balayo?

G.L.: Sinceramente en Cabana creo que foi o noso peor partido. Entre outras cousas, non o soubemos afrontar ca dificultade que realmente tiña e pagámolo caro.

Aquí debemos saír coas ideas claras, que foi un dos problemas do partido de Cabana, moi concentrados no noso, no que debemos facer en cada momento.

QPC: Tendo en conta o plantel que ten cada equipo, a actual posición na táboa clasificatoria e os partidos que vos quedan por disputar a cada un dos conxuntos da zona alta da clasificación. Cal cres que é o favorito para gañar a liga? Por que?

G.L.: Creo que hai moitos equipos con moi bos xogadores, de aí o igualada que está esta liga. Vexo moi duros e con moi bo equipo a Corme, Fisterra e Cabana, con xogadores que marcan as diferenzas nesta liga. E sorprendeume que a Esteirana quedase algo descolgada, pois para min ten equipo para loitar polo título e aínda está a tempo de volverse a meter.

Fernando Mato, adestrador do Cabana SD

Fernando Mato Cabana SD

QPC: Que opinión tes sobre o voso rival desta vindeira fin de semana co que vos xogades o liderado da liga?

F.M.: Os Miúdos é un equipo fisicamente moi forte, con moita chegada e moi sobrios en defensa, un moi bo equipo.

QPC: Estes partidos son dos que sempre gusta xogar. Como están os ánimos no vestiario para afrontar este encontro de vital transcendencia?

F.M.: Están animados, saben o que nos xogamos e por pelexar non vai a ser.

QPC: No partido da primeira volta o resultado foi de 3-2 a prol do Cabana. Que cres que tedes que facer para repetir no Eleuterio Balayo a vitoria acadada nas Redondas?

F.M.: No partido de ida gañamos, pero foi un partido de ida e volta no que puido gañar calquera e a sorte decantouse para nós. Para gañar este partido temos que saír concentrados e pelexar cada balón e sobre todo, estar moi intensos xa que vai ser duro.

QPC: Tendo en conta o plantel que ten cada equipo, a actual posición na táboa clasificatoria e os partidos que vos quedan por disputar a cada un dos conxuntos da zona alta da clasificación. Cal cres que é o favorito para gañar a liga? Por que?

F.M.: Calquera dos equipos que estamos arriba pódeo conseguir xa que a igualdade entre os seis primeiros é moi parella. De feito, nós estabamos entre cuartos, quintos ou sextos pero foi crelo e os rapaces ata agora non pararon. Pero pode pasar ao revés, que haxa un equipo que lles gañe a todos aos de arriba.

Para min, ademáis de nós, o favorito pode ser Os Miúdos ou o Corme.

Comentarios