Guía para unha última xornada de infarto
- Este domingo, tremendo carrusel en www.futboldacosta.com.
Chega a última xornada (para case todo menos para a 2ª Div. Fem.) cunha marea de cousas que decidir. Se ben a 1ª ten todo o peixe vendido, a Preferente, a #LigadaCosta, a 3ª, a #LigadaCostaFEM e mesmo a Copa de Veteranos decidirase no carrusel dominical de www.futboldaldacosta.com.
Preferente: O Dumbría xógase a salvación
Na Preferente o Dumbría xoga a súa finalísima no Conco ante o Sigüeiro (todo o nada) ás 18:00h, horario unificado para os partidos nos que hai algo en xogo (non o Sofán). Hai unha batería de posibilidades, unha vez que ata 6 equipos poderían acabar con 41 puntos, polo que se non quere ter que estar coa calculadora, o equipo ten que gañar a un deses 5 rivais directos. En canto aos máis cercanos, co Victoria ten o golaveraxe perdido, e co propio rival, o Sigüeiro, en caso de empatar, tamén, tralo 7-0 da ida.
Un final de infarto para a Liga da Costa
Tamén ás 18:00h se xogan a meirande parte dos partidos da Liga da Costa, nesta xornada final fraticida, coa liga, a promoción e os arrastres en xogo. San Lorenzo e Xallas, cun punto de vantaxe para os carballeses, xóganse a Liga ante Corcubión e Zas, respectivamente. O SanLo ten que igualar ao cadro xalleiro para quedar campión, pero nesta Liga tola, a pesar de que nin zaseiros nin corcubioneses teñen nada en xogo, pode pasar de todo.
Por detrás, o Baio ten que gañar ao Malpica para asegurar a Promoción, sempre que o Porteño venza na Agra da Filgueira, ante un Monte Louro que quere escapar dos postos de arrastre. Aí están tamén Sofán B e Muros, que queren sumar tamén para quedar o máis arriba posible e esperar unha milagre en forma de ascenso dos equipos que vaian á promoción.
A promoción da 3ª, en xogo
Na 3ª, tamén temos en xogo dúas prazas de promoción entre 3 equipos, Seaia, Cerqueda e Laxe. Seaia e Cerqueda parten con 43, pero se enfrontan a dous dos mellores equipos da categoría, Coristanco e Cee, sen nada en xogo, pero moi superiores en global. O Laxe ten que vencer na casa ao Lira, e esperar un tropezo. Pode pasar de todo, sempre se gaña o Laxe (no caso contrario pasarían Seaia e Cerqueda).
- Se gaña o Laxe e perden Seaia e Cerqueda, meteranse o Laxe e o Seaia, que ten o golaveraxe indivudual a favor o Cerqueda. Neste caso, calquera empate do Seaia ou o Cerqueda daríalles o pase o un fronte a outro.
- Se gaña o Laxe e empatan Seaia e Cerqueda habería un triple empate, no que pasarían Laxe e Cerqueda.
A promoción do FUTFEM
No FUTFEM, unha semana menos para o remate da 2ª Div. (aínda quedarán dúas máis antes da fermosa final da Copa do 6 de xuño), mentres que bota o telón a 3ª, a #LigadaCostaFEM. O campión, un Soneira que pasa por ser o único equipo invicto do Fútbol da Costa sénior, xa adiantou o seu final de temporada, pero a ultima xornada acolle un partidazo coa loita polo segundo posto de ascenso directo e o da promoción entre Outes e Cabana (domingo ás 12:00h). O Outes, agora en ascenso directo, está con 48, o Cabana con 45, e no medio, no posto de promoción o EF Juan Cabrejo con 46, buscando aseguralo ante un Cerqueda moi mellorado no último mes.
Final en Xuvenís e Cadetes, e gran Festa nos Veteranos
Rematan tamén o sábado as Ligas de Ascenso a Preferente en Xuvenís, Cadetes e Infantís (esta xa coas EF Carnota xa campionas).
Tremenda en Xuvenís, con Dumbría con 2 puntos de vantaxe sobre Sofán e San Lorenzo, e os tres partidos cos transistores postos.
E en Cadetes, Sofán e Outes xóganse a liga no Carral na mañá dominical, co empate favorable para os da Serra.
Ademais, lembren que o campo de San Pedro de Castriz acolle unha festa dos Veteranos co partido máis esperado do ano trala liga marcada polas ausencias: a final da Copa da Costa entre os dous grandes equipos: At. Carballo e San Román.
Xa saben, este domingo, tremendo carrusel en www.futboldacosta.com.