Domingo. 28.04.2024
El tiempo

A implantación das “ventanas” no Fútbol da Costa provoca inquedanza nos clubs

Monte Louro-Cabana-Foto-Edu Olveira arbitro Oscar Costa
Sorteo arbitral no Monte Louro - Cabana da primeira xornada-Foto- Edu Olveira
A implantación das “ventanas” no Fútbol da Costa provoca inquedanza nos clubs

Inevitables, e intrínsecas ao Fútbol da Costa, as primeiras vicisitudes e queixas provocadas pola implantación das “ventanas” nas 2ª e 3ª Galicia. Son varios os clubs que non se decataron e fixeron os cambios en 4 interrupcións, o que dende o comezo desta temporada non está permitido (só 3, como no fútbol profesional).

Son os casos do Mazaricos, ante o Camariñas, que si que realizou 4 interrupcións durante o partido por despiste de todos; o Laxe ante o Corcubión; ou no Muros-Coristanco, onde houbo varias incidencias, coas 4 interrupcións do Coristanco, ou o caso do Muros, que fixo 3 “ventanas” ademais de realizar algún cambio no descanso, o que si que está permitido.
Os seus rivais é máis que posible de presenten unha reclamación por posible aliñación indebida, pero dende a Federación, á espera do que determine o comité de competición este vindeiro xoves, entende que “aliñación indebida non é, porque os xogadores si están en disposición de xogar. En todo caso será un erro abitral, por suposto, e do delegado de turno, pero haberá que ver que é o que determina o Comité”, sinalan dende a RFGF.
Segundo sinalan hai xurisprudencia noutras ligas, nas que se ten sancionado cunha multa económica, pero non de puntos.

Algún equipo da zona considera que “non ten sentido, ten moitas máis contas que pros”, ou se preguntan se “non será moito profesionalizar o Fútbol da Costa…” Algún club cre que vai perxudicar aos xogadores: “tes que facer un cambio na primeira metade por lesión, outro rapaz se lesiona nada máis empezar a segunda e quedan 3 cambios e unha ventana... ó final quedan os rapaces sen xogar”, formulan.

Ademais, consideran que no fútbol profesional hai media ducia de árbitros que poden estar pendentes, mentres que con a implantación desta medida nas categorías máis baixas, están cargando de máis responsabilidade a un colexiado solitario.

Pola súa banda, o ente federativo, que xa explicou os cambios na normativa na reunión celebrada en Baio no mes de agosto, lembra que “foron os propios clubs a nivel galego os que pediron adaptar esta medida para o fútbol afeccionado”, e entenden que son vicistudes das primeiras xornadas: “en canto colles a mecánica xa non vai haber tantos problemas”.

En calquera caso, os clubs afectados esperan compresión do Comité e agardan que as sancións sexan leves.

Comentarios