Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Marcote e Raúl analizan un derbi costeiro con metas moi dispares

Jose Marcote (CF Dumbría) e Raúl Lestón (SD Esteirana). Fotos: David Castro (Copiar)
Jose Marcote (CF Dumbría) e Raúl Lestón (SD Esteirana). Fotos: David Castro.
Marcote e Raúl analizan un derbi costeiro con metas moi dispares

Este vindeiro domingo, o Grupo 2 da Primeira Galicia vivirá un novo derbi costeiro no campo municipal do Conco, o que enfrontará a un Dumbría que é sexto clasificado e quere seguir mirando cara arriba e non quedar en terra de ninguén e a unha Esteirana que tratará de continuar a súa boa xeira de resultados para seguir subindo postos na clasificación e alonxarse da zona de perigo.

Os protagonistas

Jose Marcote, xogador do CF Dumbría

Jose Marcote (CF Dumbría)

QPC: Como te atopas da lesión que te mantivo alonxado dos terreos de xogo durante estas últimas semanas?

J.M.: Pois a verdade é que levo dúas semanas adestrando e cada vez voume encontrando mellor pero aínda falta bastante para estar a un bo nivel.

A verdade é que esta tempada está sendo mala en canto ás lesións e non dou collido o ritmo que eu quería, a ver se desta vai.

QPC: Non comezastedes do todo ben a tempada pero pouco a pouco fostes enderezar o rumbo, a que cres que se debiu que tiverades este comezo tan irregular?

J.M.: O comezo irregular foi debido a que creamos un equipo case novo con xente moi xoce e iso nunha categoría nova, nótase moito. Sabiamos que ao principio nos ía a custar arrancar pero que a medida que fose pasando a tempada, íamos ir ascendendo postos pouco a pouco.

QPC: Unha vez collestedes o ritmo, fostedes escalando postos ata a sexta posición. Unha vez nesta situación que obxectivo vos marcades de aquí ao final de liga?

J.M.: O obxectivo que nos marcamos é quedar o máis arriba posible e para iso temos que estar todos comprometidos ata final de tempada en canto a nivel de adestramentos e en actitude para afrontar cada partido.

Non é bonito quedar nun punto intermedio no cal xa estemos salvados e a partir de aí ir abandonando o nivel que estamos mantendo agora, hai que marcarse sempre quedar o máis arriba posible.

QPC: Que opinión tes sobre unha Esteirana que chega en liña ascendente?

J.M.: A verdade é que só os puiden ver contra nós na ida pero paréceme un equipo bastante bo en todas as liñas e cun bo adestrador para estar onde está na clasificación.

Ademáis agora coa fichaxe de MJ, gañan un plus máis na portería e iso é moi importante para a confianza do equipo.

QPC: O vindeiro domingo enfrontádesvos a unha Esteirana á alza, como afrontades este derbi costeiro?

J.M.: Afrontámolo coma todos os partidos da tempada. Hai que intentar competir como ata agora e a partir de aí, o resto vén só. Ademáis, este ano estamos sendo bastante fortes na casa e intentaremos levarnos a vitoria.

QPC: Un resultado?

J.M.: Unha vitoria mantendo a portería a cero sempre sabe moi ben.

Raúl Lestón, xogador da SD Esteirana

Raúl Lestón (SD Esteirana)

QPC: Estás totalmente recuperado da lesión?

R.L.: Si, estou totalmente recuperado, aínda que en certos momentos teño ese medo de volver a levar outro golpe e volver a pasar polo mesmo pero xa estou ao 100%.

QPC: Como levas o de xogar con máscara?

R.L.: Pois pensaba que ía ser máis incómodo pero estaseme dando bastante ben. Só levo un partido pero seguro que vou xogar moito con ela, máis por medo que por outra cousa.

QPC: Agora levades unhas xornadas colleitando resultados positivos, pero que cres que vos levou a pasar por unha situación tan complicada como a que vivístedes e da que aínda estades tratando de saír?

R.L.: Pois foi moi estrano porque tiñamos un xogo moi bo pero por fallos puntuais, os rivais facíannos un gol. En cambio, nós cando os rivais tiñan un erro, non tiñamos esa sorte para meter gol.

QPC: A que se debe esta reacción que coincidiu coa volta de MJ ao Xosé Luis Vara?

R.L.: Pois comezamos a segunda volta cun xogo moi bo e con esa sorte que antes non tiñamos para facer gol. Por outra parte, MJ chega con moita confianza despois de estar todos estes anos en categorías superiores, algo que se nota moito.

QPC: O vindeiro domingo enfrontaste ao teu exequipo no derbi costeiro. Que recordos gardas da túa etapa no Conco?

R.L.: Gardo moitos recordos bos, onde conseguimos un ascenso a Preferente e despois tamén un descenso a primeira,  pero sobre todo quédome cos amigos que fixen alí e con todas as persoas que forman o CF Dumbría.

Eles déronme a oportunidade de debutar en Preferente co equipo sénior sendo xuvenil.

QPC: Como afrontades este partido ante o Dumbría?

R.L.: Pois afrontámolo con dúas baixas moi importantes que son as de Simón e Elías, pero estou seguro de que o equipo vai a saír a por todas e imos a deixalo todo no campo para traer os tres puntos para Esteiro.

QPC: Un resultado?

R.L.: Pois non sei que decirche, porque vai ser un partido moi disputado, pero con tal de traer os tres puntos para Esteiro váleme calquera resultado.

Comentarios