Sábado. 04.05.2024
El tiempo

O Cee buscará dar a sorpresa na final da III Copa da Costa feminina

plantel do UC Cee feminino 2022-2023
Plantel do UC Cee feminino 2022-2023. Foto: JParri
O Cee buscará dar a sorpresa na final da III Copa da Costa feminina

Fin de semana de excepción a que se nos ven enriba. O sábado Gala do Fútbol da Costa - QPC en Corcubión, para a que xa coñecemos as Nominadas do FUTFEM. E o domingo, doble final copeira.

Xa falamos con Félix e Pablo Torreira sobre a final masculina, e hoxe toca falarmos con protagonistas da final da III Copa da Costa Feminina, que se celebra o domingo ás 12:00h en Fontenla.

Unha final que enfronta ao poderoso Bergantiños, campión das dúas primeiras edicións e actual equipo da 1ª Div. Feminina (este ano mesmo xogou a fase de ascenso), e o Cee, que fixo un temporadón e quedou ás portas do ascenso.
O Bergan é o único equipo co trofeo, pois gañou na primeira edición celebrada en 2019 ás Miúdas e na segunda nunha estrana final ante o Noia.

Por Cee, o equipo de Rafa Suárez chega sen baixas. A súa capitana María Lijó cóntanos que “chegamos moi ilusionadas, concienciadas de que nos enfrontamos a un equipo moi forte, mais temos o partido moi claro e preparado. Sabemos ao que xogan elas, así que imos a dalo todo e ao mellor dar a sorpresa de que o pequeno gaña ao grande…”, sinala conscientes do seu papel de tapadas.

Bergantiños nas semis da Copa da Costa
11 do Bergantiños nas semis 

En fronte, o equipo de Gueli. O adestrador carballés, un dos culpables da revolución #Futfem na zona, sinala que “levamos 2 copas e estamos moi ilusionadas en conseguir a terceira”. Ten varias baixas (María, Inés e Zaida por lesion e Marián por traballo”, pero son “conscientes de que partimos como favoritas porque xogamos nunha categoría superior pero sabemos do potencial do Cee, que se ve reflexado no gran crecemento do fútbol feminino na Costa nesta tempada”.

”Ademais”, sinala, “a partido único nun campo neutral, e contra un rival moi motivado, calquera cousa pode pasar. Temos que estar moi concentradas e tratar de facer o noso mellor fútbol. Estar moi seguras en defensa, porque o Cee ten varias xogadoras que podreían estar xogando nunha categoría superior”.

A sorte está botada. Irémolo contando a través do Facebook de Fútbol da Costa e mais actualizando o resultado minuto a minuto en www.copadacosta.com.

Novas relacionadas

Comentarios