Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Félix e Pablo Torreira analizan a previa da gran final da Copa da Costa

Felix Raposo e Pablo Torreira adestradores Futbol da Costa
Felix Raposo e Pablo Torreira, en fotos de Ferreiro e Luís González
Félix e Pablo Torreira analizan a previa da gran final da Copa da Costa

A fin de semana máis esperada do ano no Fútbol costeiro xa está aquí. Gala e Final da Copa da Costa. Pouco máis se pode pedir. Se o sábado, Corcubión escollerá os mellores do curso (velaquí os nominados), o domingo, Fontenla será testemuño do novo campión copeiro. Pola mañá, ás 12:00h, toca final Feminina, entre Cee e Bergan, e pola tarde, ás 18:0oh (vaian unha hora antes polo menos se queren coller sitio nas bancadas…) Sofán e Baio enfrontaranse ante a mirada atenta de máis de 2.000 persoas, de radios, xornais… e ata a TVG.
QPC non faltará, por suposto.

QPC prensa Fontenla
QPC xa ten cabina de prensa reservada

Parte como favorito o cadro carballés, como único equipo da Preferente de todo o fútbol costeiro, que chega con ansias de estrear o seu palmarés copeiro. Unha Copa ten o Baio, que non se amilana a pesar de xogar o ano que vén dúas divisións máis abaixo, e nun remate de temporada espectacular, prantouse nesta final con todo por gañar.

Irémolo contando a través do Facebook de Fútbol da Costa e mais actualizando o resultado minuto a minuto en www.copadacosta.com.

Pero antes da final queremos falar cos dous adestradores, para ver como chegan a esta finalísima.

Félix Raposo, adestrador do Baio

  • Míster, como afrontades o partido?

Afrontámolo como unha gran oportunidade de poñer un bo fin de festa nesta tempada, moita ilusión para un grupo de rapaces expectaculares e merecedores de ser protagonistas na gran final.

  • Baixas?

Temos a lesión de longa duración de Damián; está Mario reincorporándose ao grupo pero non chega, e dubido de Braian, por resentirse de lesión pasado domingo no Conco.

Pois sinceramente non me vexo en ningún papel; confío moito neste grupo de “muñecos” para que propoñan e saquen a súa mellor versión neste gran partido. Somos conscientes da dificultade polo equipo rival, xogadores de categorias superiores…

  • Como conseguiches, despois dun final de temporada tan irregular, enchufar aos xogadores para chegar ata aquí?

Esa foi a parte máis importante: a transición Liga-Copa, para borrar toda a xeira negativa de resultados e sacar a mellor versión de cada un a nivel individual en beneficio do equipo. O traballo do día a día, a dedicacion e o compromiso están ai e como lles dixen... O Fútbol debíanos esta oportunidade

Pablo Torreira, adestrador do Sofán

  • Como chegades ao partido?

Polas alturas da tempada na que estamos e despois de 11 meses de adestramentos e competición probablemente o nivel físico do equipo non sexa o de hai uns meses, pero ben seguro que todo o que representa este partido fará que esto se note o menos posible.

  • Baixas?

No apartado de baixas, teremos algunha dúbida ata última hora e as baixas seguras de Canedo, que tivo un accidente fai unhas semanas e Gody que non poderá asistir por motivos persoais.

  • Como afrontades a final dende o voso papel de claros favoritos?

O papel de favorito, o equipo ten que afrontalo con naturalidade. É obvio que pola traxectoria dos últimos anos e pola categoría na que está cada equipo, o Sofán parte con ese papel nas quinielas. Pero dende dentro e sobre todo a nivel persoal sabemos que se non igualamos ou superamos as gañas, a intensidade e o fútbol do Baio, non seremos quen de gañarlles.

  • Canta ilusión hai nese vestiario, e neses despachos, para estrear o palmerés copeiro do club?

A ilusión e as gañas do vestiario, da directiva, da afección e do corpo técnico coa Copa é máxima. Esta é unha semana diferente na que todo o mundo traballa por un mesmo obxectivo. O domingo viviremos un día especial, nunha competición especial. Probablemente a que máis no fútbol amateur. Oxalá sexamos capaces de poder estrear ese palmarés e que sobre todo esta directiva poida seguir colleitando os éxitos que se merecen.

  • Que significa para ti enfrontarte aos teus ex nun partido tan especial?

Para min está claro que é un partido doblemente especial. Non só é enfrentarse a un ex equipo. En Baio pasei tres anos moi bos, nos que gran parte dese vestiario estiveron comigo nas boas e nas malas. Non me enfrento só a ex xogadores, xa que en varios casos tamén son amigos. Haberá que deixar as emocións a un lado, ter a cabeza e o máis fría posible e darlle a información axeitada ós nosos xogadores para poder conseguir o obxectivo final.

Probablemente ninguén mellor ca min sabe a ilusión, as gañas e o fútbol que teñen nas súas botas. Levan anos pelexando por estar neste partido e moitos deles son xogadores doutra categoría, que por circunstancias e sobre todo por amor a unhas cores e a un pobo sempre seguiron no clube a pesar das ofertas. Norbi, Bieito, MC como máximos expoñentes e os Porty, Damián, Santiso, Braian, Pablo Domínguez etc... que se uniron nos últimos anos.

MÁIS INFO

Comentarios