O home de Vitruvio habita en Vimianzo
02:10 02/06/17
O retorno ao fútbol de Míchel, con case 40 anos, é un capítulo máis na vida da lenda do Soneira, que busca manter con vida na Copa da Costa a un Camariñas curto de efectivos
O vimiancés Míchel Antelo na media de Behobia-Foto-Diario Vasco
A retirada dos máis grandes do deporte é como esas ecuacións matemáticas que apuntan a infinito: parece que chegarán, pero nunca acaban por irse de todo. Basta con imaxinar a Michael Jordan coa camiseta dos Wizards ou a Maradona coa do Sevilla para adiviñar que hai no seu interior un xen que non sabe vivir fóra da competición, aínda que lles falten poucos éxitos por celebrar. Falar no fútbol da Costa de Luis Miguel Antelo Lema (Vimianzo, 1978) é introducir unha historia chea de matices, peculiaridades, historias fantásticas e unha experiencia en campos absolutamente dispares. Pero para todo futboleiro que se precie é, ante todo, Míchel: un dos mellores da historia do Soneira, un dos talentos máis espectaculares que ten dado a Costa no século XX e unha das personaxes que máis paga a pena coñecer e co que pararse polo menos cinco minutos. A súa última historia que contar é o retorno ao balompé, camiño lustro despois da súa retirada, para defender durante a Copa a camiseta do Camariñas. "En realidade, é unha incógnita que se resolve cunha suma de factores: a boa relación do presidente co meu pai, o escaso número de partidos a xogar, as facilidades dadas polo clube… e ser quen de convencerme", explica.
Que ninguén se asuste polo elevado tono conversacional. Míchel está preto de ser o que a historia calificou como home total ou home do Renacemento, ao polifacético estilo de Leonardo. De feito, unha boa caricatura sería a do home de Vitruvio coa cara do clásico '8' do Soneira, ídolo de moitos dos que agora son seus compañeiros. Nos últimos anos mudara o balón polas botas de running e as tardes dos domingos polas mañás contra o relexo e a distancia a pé. E iso que sobre o pasto non era precisamente un 'correcamiños'. Mestre de Lingua e Literatura a tempo compreto, inventor, humorista e monologuista son outras das múltiples facianas dun home seguramente irrepetible en cada un deses ámbitos. Como irrepetible parece verlle de curto máis alá deste mes. "O meu si foi puntual, compatibilizalo con outras cuestións que veño facendo ao longo de todo un ano non o vexo posible nas actuais circunstancias", advirte o centrocampista, que xa ten comprobado as novas sensacións sobre o terreo de xogo. "Se os demais síntense fillos, alguén terá que sentirse pai, entón tarame que respostar o resto", bromea.
No horizonte a máis curto prazo pode estar un deses supostos últimos retos que lle van tanto ás lendas: remontarlle o 3-1 ao Fisterra, que desfixo a igualada na recta final do encontro de ida. Precisamente, a Vila do Cristo e Camariñas teñen compartido unha complicidade ao longo dos anos que Míchel atopa casual. "Pode que sexa magnetismo, pero sobre todo unha rivalidade sá", apunta o centrocampista, que por outra banda comparte paralelismo cun rival histórico e agora compañeiro, Luigi. As Copas de hai dez anos entre Soneira e Cee, e incluso a convivencia no título de Manolín en Vimianzo marcan un devenir cíclico que impresiona. "Non agardaba volver xogar con el, creo que Serrat canta claro: 'es caprichoso el azar", sentencia cunha saída 'micheliana'. Acerca do que ten atopado no resto do vestiario, fala coa prudencia do recén chegado. "Estou a coñecer aos compañeiros; é un equipo con moita xente nova, así que por un lado é impredicible, mais por outro falta experiencia, como é normal; esperamos ser competitivos e tentar pasar de rolda", di.
Máis que amosada a súa 'autoritas' en múltiples campos, se hai alguén coa mesma para reflexionar sobre a evolución do balompé costeiro ese é o propio Míchel. que fala así da situación actual: "Vexoo bastante desde a distancia, pero paréceme que custa moito máis formar directivas e planteis e que estas conten e rematen cun número de integrantes decente; en todo caso, supoño que a competencia doutras prácticas deportivas ou doutras alternativas de ocio acabar por configurar no mundo do fútbol un panorama máis complexo que hai anos; é debate longo". Tamén sobre o recén descendido Soneira, ao que poucos teñen dado máis, o xenio disecciona: "Levan uns anos con picos altyos e baixos, precisan estabilidade e volver pensar na idea de clube que queren ter, mais hoxe imponse a mirada a curto prazo e iso adoita ser un duro rival; pode que o problema estea aí, e non na baixada de categoría, espero que haxa un núcleo duro con ánimos para liderar o novo curso". Como se do mestre Yoda se tratase, a forza da súa reflexión anula a necesidade de calquera epílogo. Amén.