Previa: O título da 3ª e o derbi polo liderato na 2ª Fem., protagonistas da finde

Chega a última xornada da 3ª, co título e a última praza da promoción en xogo, e un horario case que unificado. O Baíñas terá que gañar (non lle vale o empate) para alzarse co título ante un Lira que aínda ten unhas remotas opcións de meterse na fase. O Porteño, fóra do liderato por primeira vez dende a xornada 6, esperará ese erro do cadro vimiancés se vence ao Porteño.
Paralelamente, na loita pola ppromoción, é o Laxe o que depende de si mesmo para unirse a Buño, Camelle e Zas, pero terá que gañar en Fontenla ao filial xalleiro, estando o Seaia tamén moi pendente, sempre que venza ao Ameixenda.
O resto da xornada ten protagonismo feminino, co derbi Xallas - Cee na 2ª Fem. para a mañá dominical, clave para a loita polo título. As xalleiras, a 1 punto do líder Calo, e con 4 de vantaxe sobre o propio Cee, buscarán gañar para non perder a estela, mentres que as ceenses poderíanse meter de novo na loita polo título.
Tamén temos derbi na 1ª Galicia, un Dumbría-Soneira que vai determinar as posibilidades do cadro soneirán de seguir pelexando pola promoción. A 4 de dumbrieses e xalleiros, son os dous equipos os que marcan a última praza de acceso á fase.
Poucos enfrontamentos directos nunha Liga da Costa na que os Muxía e Corme esperan, ademais de vencer ao Coristanco e Oza en Arliña e o Cairo respectivamente, un tropezo do líder San Lorenzo ante a visita dun necesitado Volantes, para apretar aínda máis a táboa.
Importante tamén a penúltima xornada da 1ª Xuvenil, na que o Sofán non pode fallar ao Ponteceso para aproveitar que descansa o Xallas e recuperar así o liderato de cara ao último escalón.