Xoves. 18.04.2024
El tiempo

#PreviaQPC da primeira semana de outubro, auga e aforos cheos!

Despois dun ano e medio, esta fin de semana por fin poderemos volver a desfrutar de campos cheos de espectadores, unha medida que seguro favorece á SD Fisterra. Ademais, o Sofán visita un mítico estadio galego, o Xallas debuta oficialmente e o Fisober recibe ás líderes. Falamos cos adestradores para coñecer como chegan os equipos nesta #PreviaQPC
#PreviaQPC da primeira semana de outubro, auga e aforos cheos!

Grandes partidos os que depara esta primeira xornada do mes de outubro, que parece que será tamén a primeira bañada en auga. Na 3ª RFEF, o Sofán visita o sempre difícil campo de Cantarrana en Viveiro co afán de levarse a primeira vitoria da tempada, mentres que na preferente, Fisterra e Xallas teñen partidos importantes para amosar as súas aspiracións. Ademais, en fútbol sala, comezaría este domingo a liga para o Villa de Cee, pero a federación decidiu finalmente aprazar as dúas primeiras xornadas para aliviar o protocolo. As que si que xogan serán as rapazas do Fisober, que reciben ás primeiras clasificadas. Todo, resultados en directo e táboas, o poderedes ver, como sempre, en www.futboldacosta.com

Viveiro – Sofán (Domingo, 12:00 - Cantarrana)

Pese a merecer máis, o Sofán chega a esta cuarta xornada con só dous puntos, o que apura aos de Carballo a ir ao mítico Cantarrana en busca dunha vitoria. “Temos a sensación de que merecemos máis e ese foi o noso punto de partida nesta semana para encarar o partido do domingo”, di o míster, Alberto Rodríguez.

En fronte, o duro Viveiro, que logrou unha folgada permanencia na complicada Terceira División do ano pasado. Preséntanse ao choque coa mesma puntuación e necesidade que os do Carral, polo que se espera un encontro moi igualado: “Esperamos un partido pechado, contra un equipo que ten unha base de traballo de anos anteriores e ao que trataremos de incomodar dende o minuto un”, avisa o técnico.

Fisterra – Boiro (Domingo, 17:00 – Arasolis)

Non se fixo de esperar o primeiro gran partido para esta renovada SD Fisterra, e terán este domingo a un dos, como eles, grandes favoritos para estar nas posicións altas da preferente. Un Boiro que vén de empatar na casa co Paiosaco, e que poderían deixar xa a cinco puntos de conseguir a vitoria. “Esperamos un partido moi complicado contra un gran equipo, pero xogamos na casa e co alento da nosa xente esperamos levar os tres puntos”, di Juan Purrúa, consciente de que o aumento de aforo (xa poderá entrar o 100%) xoga a favor dos fisterráns: “Estou desexando ver Arasolis cheo, temos a mellor afección de Galicia”.

Con respecto á primeira xornada, parece que poderá ampliar un pouco a lista de convocados, xa que a Laracha só levou quince xogadores. Volve Diego Cespón e podería estrearse ca camiseta verde Cristian, ex do Xallas.

Xallas – Laracha (Domingo, 17:30 – A Fontenla)

Despois de que a Federación decidira suspender o seu primeiro partido na mesma fin de semana, o Xallas si fará este domingo o seu debut oficial na tempada de preferente. Será na casa e ante o Laracha, que vén de perder co Fisterra. “ É certo que eles xa pasaron o primeiro partido e estarán máis tranquilos, pero nós puidemos xogar polo menos un amigable esta semana ante o Dumbría e penso que chegamos ben”, destaca David González.

Un Xallas, que presentará este domingo ante a súa xente un equipo con varias caras novas que está por ver ata onde pode chegar nesta difícil categoría: “ Conseguimos incorporar xogadores con moita experiencia, que mesturado coa xuventude que tiñamos, espero que nos de un salto de calidade e ilusión importante para competir ben”, confía o míster.

Fisober – Ribeira ( Domingo, 12:15 – O Conco)

Difícil reto o que lle espera este domingo ás de Dani Costa, que reciben nada máis e nada menos que as líderes da liga, o Ribeira – Lieders. Un duro exame para ver cales son as aspiracións das dumbriesas, que gañaron un encontro e perderon outro polo momento.

Comentarios