Sábado. 27.04.2024
El tiempo

#PreviaQPC Regreso ao pasado

Ponteceso-Zas (Marzo de 2020)
Ponteceso-Zas (Marzo de 2020)
#PreviaQPC Regreso ao pasado

Tiveron que pasar oitenta e sete fins de semana para volver a ter unha axenda tan completa. 615 días, que se di pronto, para volver a ver a ter o noso carrusel cheo, cos resultados en directo de absolutamente todo o fútbol da Costa, con infantís, cadetes, xuvenís e a 1ª división de veteranos xa incorporados dende esta semana.

Así é todo, con esas novidades vense unha fin de semana na que os nosos equipos teñen oportunidades para dar un paso importante nas ligas máis altas. O Sofán, por exemplo, buscará volver a puntuar ante un Barco en horas baixas para engancharse de todo co resto da táboa. Mentres, na preferente temos un derbi entre os dous aspirantes dos que desfrutamos na Costa da Morte (Domingo, 16:30 – Arasolis). O Fisterra quere seguir o ritmo ao Arteixo e o Paiosaco non descolgarse do grupo de arriba.

Na 1ª temos o máximo número de derbis ao que podemos optar esta campaña, facendo especial mención ao Corme – Ponteceso, que será retransmitido por QPCtv.Gal (Domingo, 16:30 – O Cairo) na súa volta ó Cairo, onde todo comezou.  

Grandes partidos que tamén haberá na Liga da Costa, onde destaca, por riba de todos, ese Castriz – San Lorenzo (Domingo, 17:00 – San Pedro), no que os de verdillo buscarán sacar outro bo resultado ante outro favorito e os de Santa Comba sumar tras un partido suspendido. Ademais, o Muxía volve a competición disposto a recuperar o terreo perdido e os encontros entre Camariñas e Muros, e Outes e Cee poden deixar xa pistas do futuro próximo.

Na terceira, o gran partido é o derbi e duelo de candidatos entre Pereiriña e Corcubión (Sábado, 16:15 – San Paio de Refoxos), para o que se espera un gran ambiente en Cee. O Oza tamén terá unha pedra dura de roer co Camelle, se quere seguir no primeiro vagón.

Por outra banda, no fútbol feminino volve a descansar o Bergantiños pola retirada, á ultima hora, do Betanzos. Na segunda, o Cerqueda buscará a súa cuarta vitoria ante un dos de abixo, o Cee repoñerse da dura derrota en Noia ante o Amio e o Xallas recibe a un sorprendente e bo Cacheiras.

E xa no polideportivo, o Fisober recibirá no Conco ao Ribeiro do Avia (Domingo, 11:30), segundo clasificado, coa posibilidade de escalar varios postos na táboa, mentres que o Villa de Cee recibe ao Korreo Guitiriz (Sábado, 19:00 – Pavillón de Cee), empatados con eles a puntos na terceira e cuarta posición. Por último, o Voley Dumbría xogará en Utrera na mañá do domingo.

Comentarios