Sábado. 20.04.2024
El tiempo

#PreviaQPC Novembro chega con grandes duelos nas partes altas das clasificacións

Fisterra Dubra
Fisterra Dubra
#PreviaQPC Novembro chega con grandes duelos nas partes altas das clasificacións

Vén intensa a primeira fin de semana de novembro en canto a volume de partidos coa volta da competición en preferente e en primeira e co inicio da División de Honra nos veteráns, que xa teñen o seu calendario e clasificación no noso carrusel.

Nas categorías máis altas, fin de semana tremendamente importante para coñecer as aspiracións de cada equipo tras un parón que hai que ver como lles senta. O Sofán buscará a súa primeira vitoria na 3ª ante unha das sorpresas da liga, como é o Juvenil Ponteareas (Domingo, 16:30 – O Carral), o Fisterra quere seguir no grupo dos favoritos e para iso debe gañar ao Puebla (Domingo, 16:30), o mesmo que o Paiosaco, que ten o seu gran derbi ante o Laracha (Domingo, 17:00 – Porta Santa).  O Xallas, pola súa banda, visita a un gran equipo, como é o Dubra (Domingo, 17:45).

Mentres, na Primeira Galega temos pleno de partidos con representación costeira, xa que desta vez “so” hai dous derbis: Volantes de Baño – Corme (Sábado, 16:30 – Eleuterio Balayo) e Ponteceso – Dumbría (Domingo, 16:30 – O Pinguel). Ademais, o Baio recibe ao potente Negreira (Domingo, 12:00 – Platas Reinoso), o Soneira visita unha praza sempre difícil como a de Tordoia (Domingo, 16:30) e o Mazaricos fai o propio co Belvís (Domingo, 17:00).

Soneira - Ponteceso

Na Liga da Costa hai un gran partido entre candidatos en cada subgrupo. No A, o Cee recibe ao líder, a Esteirana de Geno  (Domingo, 12:00 – San Paio), nun partido que servirá para medir a fiabilidade de ambos. Ademais, a Muros chegará un Outes en estado de gracia (Domingo, 16:30 – Eluterio Balayo) e Lira e Monte Louro buscarán os seus primeiros puntos ante Baiñas (Domingo, 16:30 – Lombáns) e Camariñas (Domingo, 17:00 – Agra da Filgueira), respectivamente.

No subgrupo B, o encontro da xornada o xogan San Lorenzo e Coristanco (Domingo, 16:15 – As Pedreiras, Verdillo), ao que estará moi atento o Castriz, que visita Zas (Domingo, 17:00 – San Andrés) e que podería ser líder en solitario. No Cabana – Buño (Domingo, 16:30 – As Redondas) e Cerqueda – Malpica (Domingo, 16:30 – Xaviña), que será o encontro retransmitido esta semana por #QPCtv buscarase a primeira vitoria da tempada para calquera dos catro conxuntos.

A terceira consecutiva busca xa, en cambio, o pletórico Atlético Pereiriña, que visita Laxe (Sábado, 16:30 – Municipal de Laxe) na xornada sabatina, na que tamén xogan: Camelle – Ameixenda (Sábado, 16:30 – O Rodeiro) e Castrelo – Oza (Sábado, 17:00 – Municipal de Vimianzo). Para o domingo quedan dous duelos ben fermosos, como: Corcubión – Sp Seaia (Domingo, 16:30 – Novo Cubeleiro) e Xallas B – Porteño (Domingo, 17:00 – A Fontenla).

Corcubión Xallas

Xa no fútbol feminino, o Bergan quere recuperar a súa boa dinámica do inicio de liga ante o Antas (Sábado, 18:30 – As Eiroas), mentres que seguimos sen ter xornada completa das nosas na 2ª, porque desta vez descansa o Xallas. Non obstante, Cerqueda e Cee buscarán seguir co seu pleno de vitorias e As Miúdas buscará os primeiros puntos.

Ademais, como dicíamos, comeza o fútbol de veteranos co inicio da División de Honra, na que se estrea un Arasolis disposto a facer saltar a banca dende o primeiro día. Iso si, comeza ante unha dura pedra de roer, como é o Sporting Zas, no que seguramente sexa o encontro da xornada (Domingo, 11:00 – Arasolis).

Por outra banda, no polideportivo destacan os partidos Castroverde - Villa de Cee e Vilalba – Fisober nos que costeiros e costeiras deben facer boas as vitorias da semana pasada. Tamén, por suposto, o vital encontro do Voley Dumbría, que recibe no pavillón do Conco (Sábado, 18:30) ao Badajoz, rival que, ao igual que os locais, conta cun so punto e que debe marcar a reacción tan necesaria dos dumbrieses tras o mal comezo de tempada.

Voley Dumbría

Comentarios