Martes. 23.04.2024
El tiempo

#PreviaQPC: Búscanse novos líderes

Montelouro-Muros-Foto-Edu Olveira
Imaxe dun Montelouro-Muros de hai uns anos-Foto-Edu Olveira
#PreviaQPC: Búscanse novos líderes

Chega a primeira fin de semana con condicións meteorolóxicas propias dun inverno costeiro de verdade e a axenda deportiva nos deixa varias citas importantes que non vos debedes perder e que xa podedes revisar en www.futboldacosta.com.

Unha fin de semana moi difícil para o Sofán, que visita Somozas (Domingo, 17:00) para enfrontarse ao segundo clasificado nunha xornada que podería marcar xa unha diferencia moi difícil de recuperar coa salvación. E distancia, precisamente, tampouco queren perder Fisterra e Paiosaco co grupo de arriba da preferente. Polo que esta semana deben gañar, ou cando menos sumar, ante Sigüeiro (Domingo, 16:30 – Arasolis) e O Pino (Domingo, 17:00 – Reboredo), respectivamente.

Na primeira, os catro de arriba teñen unha oportunidade de ouro para abrir xa un espazo na táboa que sería importante nunha primeira fase tan curta como esta. Non obstante, o Soneira intentará impedirlle esa escapada a un Mazaricos que vén arrastrando unha gran xeira, nun dos dous derbis que temos na xornada (Domingo, 16:30 – Municipal de Vimianzo). O outro será o Corme – Baio (Domingo, 16:35 – O Cairo), no que os locais buscarán a súa primeira vitoria ante outro colíder.

No subgrupo A da Liga da Costa volve a non xogar a Esteirana, que descansa tras suspenderse o encontro da semana pasada, polo que Outes ou Muros poderían converterse nos novos líderes. Xustamente, os muradáns protagonizarán un dos encontros da xornada co derbi televisado en Louro (Domingo, 16:15 – Agra da Filgueira) en www.qpctv.gal.
No subgrupo B, descansa o Coristanco, polo que Malpica e Cabana (Domingo, 16:45 – Pedra Queimada) pelexarán por seguir a estela do San Lorenzo, ou por ser os novos líderes se os de Adolfo perdesen en Nantón (Domingo, 16:15).

Na terceira, dous encontros destacan por riba do resto. Porque o Pereiriña – Xallas (Domingo, 12:00 – San Paio) e o Oza – Corcubión (Domingo, 16:30 – O Carral), enfrontan a catro equipos separados unicamente por dous puntos na parte alta da táboa. Non obstante a cima seguirá sendo do Porteño sempre e cando non perdan ante o Laxe (Domingo, 16:30).

Partido moi importante, que tamén decidirá postos da parte alta, será o Friol B – Bergantiños da 1ª Galega Feminina (Domingo, 19:00), no que as de Geli poderían consolidar a súa segunda praza. Por outra banda, na 2ª Galega descansa o Cerqueda, pero os outros tres partidos gardan grandes posibilidades de vitorias.

E xa por último, descansan Voley Dumbría e Fisober, pero o Villa de Cee asegura o espectáculo polideportivo da fin de semana. Os ceenses xogan ante o 5 Coruña nun dos mellores partidos que se poden ver na preferente. O horario (Sábado, 16:15), perfecto para encher o pavillón de Cee de siareiros do Villa.

Comentarios