Mércores. 09.10.2024
El tiempo

#PreviaQPC: Tempo de posicionarse

Imaxe do Volantes-Mazaricos da semana pasada-Foto-Adriana FDez
Imaxe do Volantes-Mazaricos da semana pasada-Foto-Adriana FDez
#PreviaQPC: Tempo de posicionarse

Semella que pouco a pouco as competicións van volvendo á normalidade, e, por agora (a mediodía do venres), non hai partidos suspendidos nas nosas Ligas, para esta nova fin de semana.
Chega unha fin de semana na que os equipos xa teñen que ollar as clasificacións, pois quedan apenas 5-6-7 xornadas para o remate da primeira fase, e toca posicionarse.

Unha xornada que será importante para a SD Sofán, pois buscará manter a serie de 2 vitorias seguidas ante un dos cocos da categoría, o Polvorín.

Na Preferente, o Fisterra quere seguir soñando con meterse entre os 5 que pasarán á fase de ascenso, e terán en fronte a un Puebla ao que poderá alonxar por esa pelexa nunha zona media tremendamente areptada. Aí precisamente se quere subir o Xallas que recibe a un Dubra, metido na 4ª praza, polo que se lle vence en Fontenla na tarde do sábado, faralle un favor aos veciños do sur.

Quedan só 5 xornadas para o remate da primeira fase da 1ª Galicia, e chega unha das máis importantes pedras de toque para o líder. O Mazaricos visita o campo do Negreira no que pode ser un momento chave para escapar ou meter de novo ao cadro de Baleato na loita por todo. O Baio é o outro equipo costeiro con máis posibilidades de meterse na pelexa polos 3 primeiros postos que dan acceso á seguinte fase polo ascenso. Os de Pedro Torreira enfróntanse a un Dumbría que vén de caer ante o Soneira nun dos partidos aprazados disputados esta semana. Precisamente o cadro soneirán recibe ao Belvís. Ponteceso e Volantes enfróntanse para seguir sumando o Corme recibe ao potente Tordoia de Dani Calvete.

Na Liga da Costa, no Sur, coa Esteirana abusando (tócalle pasar polo “rodillo” do Xosé Luís Vara ao Cee), a atención está na pelexa polas outras dúas prazas do podio. O Camariñas recibe ao pechancancelas, Monte Louro, despois de perder ante un Muxía ao que le toca descansar. O Muros intentará aproveitalo para superalo se vence a un Outes que aínda ten opcións de colarse nesa pelexa. Como o Baíñas, que buscará superar ao Lira para engancharse á pelexa.
Polo Norte, volve o Cabana á competición en Xaviña, mentres que o partido da xornada será o que enfronte a Coristanco e San Lorenzo na Rocheira. 2º e 3º pelexarán por manter a estela do líder e afianzar un dos 3 primeiros postos. Atentos estarán o Castriz, que se pode meter no podio se vence ao Zas; e o Cerqueda, que vivirá un intenso derbi en Pedra Queimada ante o Malpica.

Xa na 3ª, cos 4 de arriba destacados, o choque da xornada será o derbi entre Porteño e Camelle. Os de Cousillas probarán o seu liderato ante un Camelle aínda sen moito ritmo, que volvía á competir a semana pasada tras mes e medio de parón. O 2º, o Oza recibe a un Laxe en plena pelexa pola 5ª praza. O Corcubión, 3º, e o Xallas B, 4º, visitan campos da zona baixa, mentres que o At. Pereiriña e Sporting Seaia pelexarán o sábado por manter opcións na loita pola 5ª praza.

Todos os resultados, clasificacións e o carrusel dominical en www.futboldacosta.com

Comentarios