O primeiro campión do curso, o Outes, afronta, con atrancos, o desafío do ascenso á Liga Galega Cadete
- O equipo xuvenil infantil da Serra pinta tamén a campión
Hai dúas semanas que o Outes FC proclamouse campión da 1ª Cadete. O único equipo invicto de todo o Fútbol da Costa suma, a falta de dúas xornadas, só cedeu 1 empate en 22 partidos, sumando 145 goles a favor e só 20 en contra.
Os de Chicho, adestrador do equipo sénior dos Volantes, son unha desas xeracións douradas do club da Serra, sendo os mesmos que estiveron a piques de ascender á Liga Galega en Infantís tras quedar campións de Liga pero caer na última eliminatoria ante o Boiro.
Pero este ano teñen máis experiencia, pois boa parte do plantel é de segundo ano, e xa quedaron de 2º por detrás do Cee.
Queda por diante o desafío do Ascenso á Liga Galega. “Opcións sempre hai”, valora o coordinador Carlos Romero, que recoñece que haberá moi bos equipos na fase como Escola Estrada ou o Ribeira. En calquera caso, lamenta o “hándicap de que nós rematamos a Liga en 3 semanas, e teremos que estar parados un mes”.
Vai máis alá. “Temos outra desvantaxe con respecto ao resto de equipos. Se quixeramos reforzar o equipo, xa non podemos pois só se pode nas 4 últimas. Algo que aínda poderían facer por Santiago-Barbanza xa que acaban 1 mes despois de nós. Non é que tiñamos pensado ir por xente, pero si poderíamos recuperar xente que temos no Conxo, Victoria ou Compostela, como é o caso de Carlos Romero, que xa volveu con nós”, explica.
Infantís
Se ben o cadro xuvenil conseguirá colarse na 3ª praza do podio, o Infantil tamén pinta cara campión. Aínda quedan 6 xornadas, pero xa saca 10 puntos a Cee e Vimianzo. “Hai unha xeración moi chula de nenos, practicamente todos de primeiro ano, que nos están dando unha alegría enorme porque o paso de F8 a F11 é sempre complicado e os nenos adaptáronse moi pronto”, sinala romero.
Recoñece que a Infantil está sendo este ano máis competitiva que a cadete, e así se nota por exemplo en dúas figuras concretas: as de Pablo Gandarela, segundo goleador de toda a Liga, que está indo a adestrar co Celta; e Hugo Antelo que está indo co Deportivo da Coruña.