A PREVIA ARBITRAL
Punto final no Conco
Xusto antes de prender lume ás cachelas, a temporada do fútbol costeiro bota o peche no Conco (Dumbría) coa final da Copa da Costa. Será unha fin de semana na que se deciden os catro últimos títulos da temporada, unha fin de festa que nos manterá en vilo o sábado e o domingo con duelos fermosos e abertos. O sábado o escenario será San Andrés, o domingo será O Conco, en ambos casos por partida dobre.
Xallas – Os Miúdos
David Cancela dirixirá a primeira das finais da Copa da Costa que viviremos esta fin de semana, a da categoría infantil. Será o sábado, ás 11.30 horas, no campo de San Andrés (Zas), e alí estará auxiliado por José Ageitos e Manuel Espasandín. Ao igual que na competición senior, tamén aquí saltaron as sorpresas, e nin Cee nin Dumbría (que dominaron a liga) conseguiron praza para a final de Copa.
Na competición regular o Xallas foi terceiro, moi preto do dueto de cabeza, en tanto Os Miúdos acabou en sexta posición, xa lonxe de ter opcións ao título. Con todo, a eliminatoria prevese igualada, e boa mostra diso é que nos seus enfrontamentos directos na competición regular se deu as dúas veces a vitoria do equipo que xogaba como visitante, e en ambos casos pola mínima.
Na competición copeira, o Xallas vén navegando a velocidade de cruceiro e endosando goleadas aos seus rivas (0-9 ao Coristanco, global de 7-0 á Esteirana, e global de 14-5 ao Fisterra en semifinais), en tanto Os Miúdos tivo que sufrir algo máis, en especial na eliminatoria de semis, onde tivo que facer fronte a un dos favoritos, o Cee, a quen derrotou no Sampaio de Refoxos na tanda de penaltis despois de que os dous encontros acabasen con empate a 1 (antes vencera por 5-0 ao Xalleiros e por un global de 5-1 ao Corme).
Corme – Outes
No mesmo escenario de San Andrés, a partir das 18.30 horas, disputarase a final da Copa da Costa na súa categoría xuvenil. O árbitro do encontro será Juan Marcos Ríos, auxiliado nas bandas por Carlos Señarís e Sebastián Pérez.
O Corme parte como favorito, igual que o partía para o título de liga, que finalmente lle arrebatou Os Miúdos. Na Copa defende o trono alcanzado o ano pasado fronte ao San Lorenzo no Carral. Enfronte, un Outes máis irregular, que acabou a competición ligueira en sétima posición.
Prevese unha final animada, xa que ambos promediaron esta temporada (na competición ligueira) máis de catro goles por partido (o Corme, 123 goles en 30 partidos, o Outes 120). Boa mostra diso son os seus enfrontamentos directos, cun espectacular empate a 4 no Cairo, e unha contundente vitoria dos do Roncudo no Cunchido (0-4). Todo apunta a unha final de fútbol total.
O camiño á final foi complexo para ambos equipos, e o Outes tivo que desfacerse de Baio (undécimo na liga), Cabana (cuarto) e Soneira (quinto). O Corme, pola súa banda, tivo que enfrontarse a Fisterra (terceiro), Os Miúdos (campión) e Sofán (oitavo).
Bergantiños - As Miúdas
O domingo pola mañá terá lugar un feito histórico. O campo do Conco acollerá (11.30 horas) a primeira final da Copa da Costa do fútbol feminino. Alí se enfrontarán, a partido único, os dous equipos da zona existentes nesta categoría, Bergantiños e As Miúdas, que nos depararán un duelo non coñecido na liga, xa que durante a temporada competiron en grupos distintos.
O partido será dirixido por David Vázquez, auxiliado por Óscar Rey e Lucas Vicente. Este fermoso e novidoso partido ten que ser o primeiro de moitos, e o arrinque dunha competición chamada a medrar, pois xa se anuncian algúns equipos máis de fútbol feminino nas nosas terras para a próxima temporada. Oxalá así sexa.
Esteirana - Cabana
E a fin de festa, novamente no Conco, será a partir das 17.30 horas. Esteirana e Cabana, dous equipos que comezaron o ano moi distanciados (un en Primeira e outro en Terceira) e que para o ano compartirán competición na Liga da Costa, chegan á última estación dunha Copa na que ninguén, de partida, tería apostado por eles.
O novidoso formato da competición, con eliminatorias a partido único até os cuartos de final, e o sempre imprevisible fútbol, fixeron que os Sofán ou Xallas (finalistas da pasada edición) e os Baio, Soneira ou Dumbría (favoritos sobre o papel) fosen quedando polo camiño.
O percorrido cara a final foi duro e tortuoso para ambos finalistas. A Esteirana comezou con dous enfrontamentos a priori sinxelos, nas eliminatorias a partido único, derrotando a domicilio a dous equipos da Terceira Galicia: Seaia e Laxe. Pero despois tocou remar augas arriba, e en cuartos o rival foi un dos favoritos, o Baio, a quen derrotou cuns últimos 45 minutos espléndidos no partido de volta no Platas Reinoso (partido que comezou perdendo, 1-0 ao descanso, e acabaría gañando por 1-3), en tanto nas semifinais o rival foi o Corme, con quen empatou en ambos partidos, clasificándose polo valor dobre dos goles fóra da casa (0-0 no Eleuterio Balayo, 1-1 no Cairo, con gol decisivo no último tramo do encontro).
Para o Cabana, conxunto da Terceira Galicia que este ano conseguiu o seu ascenso, o camiño foi aínda máis complexo, aínda que o factor cancha xogou ao seu favor. Tras derrotar ao Zas (4-2) recibiu ao campión da Liga da Costa, o Mazaricos, a quen foi quen de defender e derrotar, despois, na tanda de penaltis. En cuartos de final, eliminatoria igualadísima fronte a outro rival de categoría superior, o Malpica, con idéntico resultado en ambos campos: vitoria local por 3-2. Isto levou a unha agónica tanda de penaltis que se decidiría ao seu favor no oitavo lanzamento. E nas semifinais, o duelo co Camariñas, rival da súa propia liga, que foi de igualdade máxima, e que se resolveu tamén polo valor dobre dos goles fóra da casa (1-1 nas Redondas, 3-3 no Hermanas Patiño).
O árbitro do encontro será Adrián Pérez, quen estará auxiliado por Óscar Santos e Iván Vilanova (David Vázquez actuará como cuarto árbitro). Unha final apaixonante e aberta que poñerá fin a unha temporada longa e tremendamente emocionante.
---
Todas as designacións, categoría a categoría, competición a competición, como cada semana, en www.futgal.es.
Máis información
- Os cadros actualizados ao segundo en www.copadacosta.com.