Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Que opcións ten o Baio de ascender a Preferente?

cd baio despois de ganar en Rianxo
O vestiario do CD Baio tras vencer en Rianxo este domingo
Que opcións ten o Baio de ascender a Preferente?

Como un soño está vivindo o Baio este 2022. Remataba 2021 na 6ª praza do Gr.B da 1ª Galicia, e paseniño, con algún que outro arreón concentrado polos partidos adiados, foi ascendendo ata rematar a primeira fase en 2ª posición. Só superado polo poderoso Negreira, remataba a fase con 7 vitorias consecutivas, e por diante do Mazaricos.

O soño do ascenso estaba aí. Mentres semella que ao Mazaricos lle vai quedar lonxe (está agora mesmo a 7 puntos do único posto de ascenso), o Baio non quere deixar de soñar. Quedan 4 para o remate das 6 xornadas deste playoff, e as espadas están aínda por todo o alto. Se ben o cadro de Pablo Torreira caía na primeira xornada ante o Cidade de Ribeira, a sorpresa deste comezo desegunda, fase, o domingo conseguía remontar en Rianxo ante o Unión, facendo saltar todas as alarmas e deixando claro que o equipo está para pelexar por todo. Só 3 puntos os que o separan do propio Cidade de Ribeira, aínda con Negreira e Unión por diante, con 2 puntos de vantaxe sobre os baieses. Pero… que non pode facer este grupo dirixido pola perfeccionista e revolucionaria presidenta Rebeca Facal?.

”Ribeira, Unión e Negreira son superiores en moitas cousas”, recoñece o míster, “pero somos especialistas en fazañas, así que nunca se sabe”. “O obxectivo é xogar o mellor posible, desfrutar da fase, competir e intentar gañar. pero creo que sendo tan pouquiños ata é un milagro o que fan. O pasado domingo fomos outra vez 13 xogadores de campo do primeiro equipo”, recoñece poñendo en valor o esforzo deste grupo humano, que conseguíu remontarlle a un Unión que pensou que tiña todo feito e non valorou ben o potencial e a garra dos equipos do Fútbol da Costa.

Primeiro toca recibir ao Flavia, pero na cuarta xornada terán a proba de lume en Ribeira. “Se nin gañou o Negreira alí... ten que ser moi complicado. O Ribeira é un equipazo e coa incorporación de Adao, ficharon a peza que lles faltaba. Oxalá cheguemos con opcións, pero vai ser moi difícil. A presión téñena eles”, descarga Torreira.

”Son todos equipos gañables”

A mesma presi, Facal, recoñece que “sobre o papel é un pouco difícil, nós nin sequera somos equipos de Concello, e economicamente non temos nada que facer contra equipos como Ribeira, Negreira ou Padrón. Pero no céspede é outra cousa, son todos equipos gañables. Non hai ningún que diga que é superior ao noso”, sentenza.

”Eu, a día de hoxe estou anonadada, pero sen presión, porque dende logo isto non era o obxectivo, polo menos para min, e ningún momento”, sinala orgullosa. “É moi difícil, se conseguimos isto, creo que me podo retirar”, conclúe coa súa simpatía habitual.

Comentarios