A PREVIA ARBITRAL
Tres semifinais nun pano
A competición futbolística queda monopolizada, neste mes de xuño, polos torneos do fútbol base (este sábado, en Sofán) e a Copa da Costa, nas súas distintas categorías.
E no fútbol senior quedounos un domingo de fútbol vibrante, con tres eliminatorias apretadísimas e unha cuarta na que tampouco cabe descartar nada (visto o currículum do Coristanco na Rocheira). E é que nos partidos de ida destes cuartos de final víronse moitos goles (16 en 4 partidos), polémicas e emoción intensa, con tres partidos que deixaron vitorias locais pola mínima, polo que os partidos de volta serán tremendamente atractivos.
E o formato das eliminatorias será en formato “Carrusel Deportivo”, haberá que seguilas pola radio e por www.copadacosta.com dende un único campo, xa que os catro partidos se xogan á mesma hora: domingo, seis da tarde.
Na parte “esquerda” do cadro (segundo o sorteo da competición), o Coristanco, campión da Terceira, apelará á épica e ao efecto Rocheira para remontar o 3-0 que o Camariñas lle endosou na ida. Dirixirá o encontro Luis Insua, auxiliado por Daniel Martínez e Manuel Espasandín.
Ao gañador desta eliminatoria enfrontaranse Cabana ou Malpica, que disputaron en Pedra Queimada un dos encontros máis copeiros e intensos (con 3-0 no minuto 89, e 3-2 final). A volta, no campo das Redondas, estará dirixida por David Castreje, a quen auxiliarán Iván Vilanova e Lucas Vicente.
E pola outra banda, tamén dous partidos. Por unha parte, o duelo de Primeiras. O 1-0 da ida dá unha lixeira vantaxe á Esteirana, en tanto que o Baio recordará o resultado ligueiro (2-0) e a súa boa temporada para confiar en darlle a volta á eliminatoria. O trío arbitral estará composto por Marcos Ordóñez, Óscar Rey e Iván Ferreiro.
E queda por ver se San Pedro de Castriz vive a mesma borracheira de goles que viviu o Cairo a pasada semana. O 5-4 da ida deixa a eliminatoria tremendamente aberta entre Castriz e Corme, dous bos equipos que remataron a temporada con boas sensacións, que están a facer un magnífico papel na copa e que ansían seguir na competición. O partido estará dirixido por Óscar Santos, auxiliado por David Cancela e Sebastián Pérez.
E, ademais dos partidos de Copa no resto das categorías do fútbol 11, o sábado (18.30 horas) o Platas Reinoso acollerá por vez primeira un partido do Campionato Galego de Fútbol Veterano. O partido enfrontará, en eliminatoria a partido único, a Zas e Gastrobar El Patio, e estará dirixido por Bruno Méndez (auxiliado por David Cancela e José Ageitos).
---
Todas as designacións, categoría a categoría, competición a competición, como cada semana, en www.futgal.es.
Ademais teñen os horarios e os resultados en directo en www.futboldacosta.com (as competicións ligueiras) e as fases de Ascenso e as Copas en www.copadacosta.com