Martes. 26.03.2019
El tiempo

A PREVIA ARBITRAL

Trío costeiro para un derbi de Primeira

Trio costeiro nun derbi da costa-Foto-Santi Soneira
Trio costeiro nun derbi da costa-Foto-Santi Soneira
Trío costeiro para un derbi de Primeira


Volve a “normalidade” ao fútbol costeiro, e farao por todo o alto, cun derbi de Primeira no Platas Reinoso (domingo, 17.00 horas). Alí se verán as caras un Baio que navega placidamente despois dunha temporada máis que notable e unha Esteirana que ven remontando posicións e precisa amarrar puntos para manter a categoría. Dirixirá o encontro Alberto Baña, auxiliado por Carlos Señarís e Breogán Rey. 

E vai de derbis

Na xornada sabatina tamén haberá trío costeiro para outro fermoso derbi, neste caso ourensán, e na Preferente, grupo sur. Será no Campo da Aira (Velle), onde a partir das 17.00 horas se enfrontarán Velle e Barbadás nun duelo de vecindade e de últimas oportunidades para sumar puntos, os locais para evitar riscos de descenso por arrastres, os visitantes para seguir aspirando ao ascenso directo. Dirixirá o encontro Pablo Rama, auxiliado por David Vázquez e Óscar Santos.

Tamén o sábado, na Cidade Deportiva de Abegondo (16.15 horas), Bruno Méndez dirixirá o derbi da Liga Nacional Xuvenil que enfrontará ao Deportivo B e o Victoria, equipos ambos da cidade herculina. Estará auxiliado nas bandas por dous compañeiros da Delegación da Coruña, Sergio Bermúdez e Sergio Sánchez.

E volve a Liga da Costa

Volve a competición ordinaria á Liga da Costa para enfrontar a recta final, con só oito partidos para que todo se decida. E o líder, Mazaricos, aspira a deixar sentenciada a competición, ou cando menos deixala nun man a man co Corme. Nesta xornada visita ao terceiro clasificado (domingo, 16.30 horas, Agra da Filgueira), o Volantes de Baño, a quen, de gañar, deixaría a dez puntos a falta de sete encontros, polo que practicamente se aseguraría unha das dúas primeiras prazas da competición. Os locais, que suman unha impresionante xeira de vitorias consecutivas, aspiran a rebaixar esa distancia a pouco máis de un partido e manter viva a competición até o último minuto.

E o outro foco da tarde dominical (Sampaio de Refoxos, 17.00 horas, Rubén Reborido) tamén será en clave de derbi, Cee-Ameixenda. Ambos equipos da Vila da Xunqueira atravesan problemas clasificatorios. Os “visitantes” xa a once puntos da teórica salvación (a expensas dos arrastres) que atalora marcan os “locais”, igualados co Monte Louro, e ambos (Cee e Louro) xa a cinco puntos do seguinte clasificado, o Lira. Partido, polo tanto, agónico e decisivo para ambos.

Na Terceira Galicia, xornada “estraña”. O Seaia-Cabana adiantouse á pasada semana (0-5 venceron os cabaneses, dando un paso de xigante para afianzarse na segunda praza). Este martes disputouse outro partido clave, Coristanco 2 Castriz 1, partido que deixou aos pataqueiros matematicamente ascendidos, e aos visitantes con opcións xa máis complexas de pelexar a segunda praza de ascenso directo.

O Coristanco comezará o seu paseo triunfal de despedida da Terceira visitando ao Castrelo (domingo, 18.30 horas, Municipal de Vimianzo, Luis Insua), en tanto o Cabana descansa co colchón de seis puntos sobre o terceiro clasificado. O Castriz terá que intentar apurar as súas opcións e recurtar esta distancia, e para iso deberá comezar por vencer ao Camelle en San Pedro (domingo, 17.00 horas, Óscar Rey). 

Á mesma hora disputarase no Hermanas Patiño (David Vázquez) un partido decisivo, Camariñas-Nantón. Os locais marcan agora mesmo a liña divisoria dos equipos que disputarán o play off de ascenso, en tanto os visitantes se atopan a tres puntos, polo que precisan si ou si a vitoria para meterse na pelexa.

Recta final para o fútbol veterano

A competición do fútbol veterano encara tamén a súa recta final. Na División de Honra, a falta de cinco partidos, tres equipos empatan no alto da táboa (Soneira, San Román e Zas), e un cuarto atópase a tan só dous puntos (San Lorenzo). Cinco xornadas apaixonantes en busca do título e da segunda praza que dá acceso ao campionato galego.

Nesta xornada, os duelos a priori máis complexos son para o Soneira, que visita A Grixa (domingo, 12.00 horas, David Cancela) para medirse ao Porteño, e para o Zas, que recibe ao Dumbría (domingo, 10.00 horas, San Andrés, Luis Insua). 

Na Primeira todas as olladas se concentran este domingo no campo do Areal onde a partir das 11.00 horas, coa dirección de Óscar Santos, Razo e Corme se disputan en enfrontamento directo (e poida que decisivo) a segunda praza de ascenso á División de Honra. O Mazaricos terá no Carral un complicado encontro fronte ao Sofán (10.00 horas, Iván Ferreiro) que pode case asegurarlle un dos pases á máxima categoría.

E moito fútbol base para disfrutar

Moito fútbol, e de calidade, nesta fin de semana costeira. Numerosos encontros, tamén ao máximo nivel, como os dous encontros da Liga Galega Xuvenil que este sábado, ás 12.00 horas, disputará a rapazada costeira e que demostran o potencial da nosa canteira. 

Nas Eiroas, o Bergantiños recibe ao Residencia (Adrián Pérez, Iván Vilanova e Fabián Rey) intentando apurar as súas opcións ao título (neste momento é segundo, a oito puntos do intratable Lalín, cando quedan dez partidos por disputarse). O Dumbría, que xa cumpriu con creces os seus obxectivos para esta temporada, coa salvación máis que asegurada (sexto clasificado, con 41 puntos), recibe no Conco ao Galicia Caranza (Alberto Baña, Luis Insua e Breogán Rey). 

Tamén é de máxima trascendencia para o futuro do fútbol base carballés o partido do equipo de División de Honra que o sábado (As Eiroas, 16.30 horas, David Castreje, Carlos Señarís e Esteban Domínguez) o medirá ao Lugo. Os visitantes son un rival duro pero incógnita, toda vez que viaxan na cuarta praza da clasificación, pero xa sen opcións de cotas maiores. O Bergantiños, pola contra, xógase o todo polo todo neste partido e nos que restan, xa que actualmente é cuarto pola cola (a última praza de descenso), igualado co Ourense (que ten un partido menos). Quédanlle aos carballeses dez partidos que serán auténticas finais para permanecer na máxima categoría do fútbol cadete.

Xa en clave de competición local, a fin de semana vivirá horarios extraños, pois todo o fútbol cadete e xuvenil, a excepción de só tres encontros, foxe do seu horario habitual de sábado tarde (no caso dos xuvenís) e domingo mañá (no caso dos cadetes).

A competición xuvenil vive instalada nun duelo a tres: Os Miúdos e Cabana encabezan a táboa con 53 puntos, en tanto o Corme ten 51 pero un partido menos. Os Miúdos visita o sábado (10.00 horas, Municipal de Laxe, Sebastián Pérez) ao colista Laxe, en tanto o Cabana descansará (tocáballe xogar co Coristanco, equipo retirado da competición). O Corme, líder intratable da primeira metade da competición, recibe no Cairo (sábado, 10.30 horas, David Vázquez) a un complicado Soneira. 

Tamén é duelo a tres a pelexa á fronte da categoría cadete: Outes, 48 puntos; Concello de Zas, 46 puntos; Cee, 46 puntos. Tres equipos nun pano con apenas cinco partidos por diante para cada un, e a primeira final será este domingo: no Cunchido, a partir das 11.00 horas, enfróntanse Outes e Cee. A vitoria suporá, de seguro, máis que tres puntos para calquera deles. O terceiro en discordia, o Concello de Zas, ten a priori un enfrontamento máis asequible, pois recibe en San Andrés aos Miúdos (12.00 horas, Luis Insua).

Na competición infantil aínda quedan algunhas xornadas máis para rematar e a cousa está un pouco máis aberta, cun abanico de cinco equipos escalonados. O Dumbría é líder con 58 puntos, por 57 do segundo clasificado, o Xallas. O terceiro equipo que podería rematar a xornada como líder é o Cee, que suma atalora 55 puntos. Corme (53) e Sofán (51) non teñen que tirar aínda a toalla. O duelo da xornada será o sábado en San Pedro de Castriz (12.30 horas, Manuel Espasandín), alí se verán as caras Xallas e Cee, disputándose o papel de alternativa ao dominio do Dumbría (que xusto ven de ceder no Conco a súa segunda derrota da temporada, fronte aos Miúdos, o que apretou a clasificación). Quen gañe o sábado durmirá como líder, toda vez que o Dumbría sumará unha nova xornada sen puntuar, posto que lle toca descansar. 

 

Todas as designacións arbitrais, como cada semana, categoría a categoría, en www.futgal.es. 

 

Comentarios