Xoves. 28.03.2024
El tiempo

A PREVIA ARBITRAL

Trío costeiro para un duelo agónico

Jorge Calvete pitou o Corcubion-Montelouro-Foto-Edu Olveira
Jorge Calvete pitou o Corcubion-Montelouro-Foto-Edu Olveira
Trío costeiro para un duelo agónico

Unha fin de semana máis de fútbol, moito fútbol. A competición encara xa a recta final, todas as competicións están xa na súa segunda metade (algunhas encarando incluso momentos decisivos, como a Terceira Galicia), e a Subdelegación da Costa do Comité de Árbitros asumirá nesta fin de semana unha responsabilidade significativa no desenvolvemento das competicións. 

Así, na Preferente Galicia, grupo sur, o trío arbitral comandado por Marcos Ordóñez e completado por David Vázquez e Lucas Vicente fará unha longa viaxe para dirixirse ao campo de Baltar onde o domingo (16.30 horas) se medirán Portonovo e Polígono San Cibrao. Duelo por todo o baixo da clasificación, con ambos equipos metidos no pozo do descenso. A situación é especialmente apremiante para os visitantes, que con tan só oito puntos e unha única vitoria na temporada están máis preto da Primeira Galicia que da salvación. Para os locais aínda hai vida, pero actualmente son cuartos pola cola, e o equipo que os antecede, o Beluso, sácalles nove puntos de vantaxe.

Haberá trío costeiro, tamén, no García Hermanos, na terceira visita da Subdelegación a este campo na presente temporada. O Betanzos, conxunto local, vive a situación oposta, e está a pelexar con opcións serias por acadar a Preferente (actualmente, segundo clasificado do seu grupo da Primeira Galicia, a doce puntos do intratable líder, o Victoria, e con catro de marxe sobre o Ordes). Visita o seu campo, desta volta, o Brexo Lema, situado nunha cómoda décima posición. O partido xogarase o domingo ás 16.15 horas, arbitrará David Castreje (auxiliado por Daniel Martínez e Sebastián Pérez), terceiro costeiro que dirixe encontro nestas terras na presente temporada, tras Luis Insua e David Vázquez.

Emoción na Liga da Costa

A Segunda da Costa encara a súa etapa número 20. Transcorridos, pois, case dous tercios da competición, a igualdade por arriba é máxima entre tres equipos: Corme, Ponteceso e Esteirana, nesta orde, aprétanse en tan só tres puntos. Nesta xornada non haberá duelos directos por arriba nin por abaixo, aínda que na parte baixa dous enfrontamentos poden supoñer a última oportunidade dos dous últimos clasificados de agarrarse á esperanza da salvación por medirse a potenciais candidatos ao descenso: o colista, Buño (seis puntos, aínda sen coñecer a vitoria) visita ao Lira (Municipal de Lombáns, domingo, 16.30 horas, Bruno Méndez), que é duodécimo, apenas un par de postos por riba do descenso, con vinte e un puntos; o penúltimo, o Zas (dez puntos) visita (Xaviña, 17.00 horas, David Cancela) ao Cerqueda, que con vinte e dous puntos está xusto por enriba do Lira, nese grupo de equipos que pelexa por non ter apuros no tramo final. Dúas vitorias locais nestes partidos deixarían a temporada practicamente vista para sentenza na súa zona baixa, mentres que dúas vitorias visitantes poderían abrir algo de emoción para os partidos que quedan.

E se uns se asoman ao abismo, outros poden tocar a gloria xa esta fin de semana. Non puido festexar o ascenso na terra dun dos seus rivais históricos, o Porteño, a pasada semana, pero todo está de cara para que esta semana o Camariñas certifique o seu ascenso, o seu regreso, á Liga da Costa, e poida facer a festa no seu feudo. Recibe (Hermanas Patiño, domingo, 17.00 horas, Iván Ferreiro) ao Nantón, e a vitoria convertiríaos automaticamente en equipo de Segunda. Incluso perdendo, o Camariñas ascendería en caso de non gañar o Monte Louro.

Un ollo ás ligas comarcais de fútbol 8

A presente temporada deparou algúns cambios na organización do fútbol 8. A principal novidade foi a creación, en categoría alevín e benxamín, dunha liga comarcal que reúne aos mellores equipos da Costa da Morte, A Coruña e As Mariñas. Unha oportunidade para que os mellores equipos de base da Costa (dous por categoría) se midan coas mellores escadras desoutras comarcas coruñesas. E a experiencia está sendo positiva e demostrando que, tamén a estes niveis, hai canteira na Costa da Morte.

Na competición benxamín, este domingo haberá derbi costeiro: nas Eiroas (10.00 horas, Óscar Rey) mídense Calvo A e Xallas A. Os carballeses están a competir dunha forma máis que notable, e despois de oito xornadas atópanse na segunda posición, con sete vitorias e unha derrota, só por detrás do intratable Deportivo da Coruña. Os xalleiros, pola súa banda, están pelexando a competición, e conseguiron sumar dúas vitorias nos oito primeiros partidos. O terceiro equipo costeiro na competición (o Calvo entra en liza como equipo da zona das Mariñas), o Outes, pagou caro o seu período de adaptación, e comezou con seis derrotas consecutivas, pero agora está mellorando e obtendo resultados positivos, e ven de sumar primeiro un empate e despois a súa primeira vitoria da competición no terreo do Betanzos.

Na categoría alevín, o balón comeza a rodar xa o venres no Conco (18.30 horas, Esteban Domínguez) coa visita do San Tirso A. O Dumbría está a pelexar duro, tamén, nesta categoría, e conseguiu rabuñar dúas vitorias nas oito primeiras xornadas. Mellor desempeño está a ter o outro representante costeiro, o Outes B, que conseguiu sumar até esta semana catorce puntos (catro vitorias, dous empates e dúas derrotas), un resultado moi meritorio se temos en conta que neste grupo compiten equipos como o Deportivo da Coruña, o Victoria, o Montañeros ou o Ural.

Todas as designacións, categoría a categoría, competición a competición, como cada semana, en www.futgal.es.

Ademais, o carrusel dominical e todas as táboas, sempre actualizadas en www.futboldacosta.com.

Comentarios