Domingo. 06.10.2024
El tiempo

Unha vez máis, volveu ocorrer

RCP simulacion
Unha vez máis, volveu ocorrer

Unha vez mais estamos a rematar un fin de semana cheo de competicións deportivas e de novas relacionadas co ámbito deportivo. Pero por desgraza hai unha que emerxe por enriba de todas as demais, esta é a dese futbolista veterano que deixou a súa vida este sábado no campo do Corme.

Comentarios como: “que a ambulancia tardou máis de media hora” e que “trataron de reanimalo os compañeiros pero nada se puido facer” son moi semellantes aos que xe fixeran cando perdera a vida un neno de tan só 14 anos, tamén nun campo moi preto deste, creo lembrar que no campo do Muxía, cando tamén estaba a practicar o seu deporte favorito.

Nestes momentos tan difíciles, como traballador dun servizo de emerxencias, quérovos contar dúas historias pero esta vez cun final feliz.

A primeira tivo lugar no campo de fútbol de Ponte Ulla, no concello de Vedra, onde tamén un sábado pola tarde se estaba a xogar un partido de Veteranos, e un dos xogadores empezou a encontrarse mal e desplomouse ao pouco entrou en parada cardiorespiratoria. Os compañeiros, entre eles un médico, avisaron rapidamente aos servizos de emerxencias dende onde lles informan que a unidade que máis cércana estaba a 25 minutos, pero que a escasos metros do campo concretamente na gasolineira de Ponte Ulla dispoñían dun DESFIBRILADOR automático (DEA).

Foron correndo buscalo mentres outros lle facían maxase cardíaca, e tan pronto llo puxeron, a persoa, que estaba nese momento sen pulso, recibiu unha descarga, e o xogador voltou recuperar o pulso e tamén o coñecemento, sendo trasladado posteriormente consciente polos servizos de emerxencias ao hospital de Santiago de Compostela.

A segunda aconteceu fai escasamente un mes. No campo de fútbol de Rois, nun partido entre amigos, un deles desplomouse de forma repentina quedando aos poucos minutos sen respiración nin pulso e tamén con tan boa sorte nese campo tamén dispoñían dun Desfibrilador. Pero neste caso non había ningún sanitario no campo e ningún deles tiña o curso feito para saber utilizalo. Pero igual que no outro caso avisaron aos servizos de emerxencias que lle informan que mandaban un helicóptero medicalizado pero que ía a tardar uns 18 minutos. Mentres tanto dende a central de coordinación guiaron aos compañeiros para que colocaran o desfibrilador sen que estes o viran na súa vida.

Pois outra vez este aparatiño que custa escasamente uns 1.000 euros volveu a cumprir ca súa función de salvar outra vida, dando unha descarga efectiva que permitiu que o xogador recuperara o pulso e respiración e fora trasladado o hospital de Santiago falando cos sanitarios.

Case con toda seguridade estas dúas persoas que a dia de hoxe poden facer unha vida normal, non poderían contalo de non ter tan cerca un Desfibrilador Semiautomático.

Con isto tan só quero darlle o meu máis sentido pésame a familia e compañeiros de este rapaz tan novo e animar a todos os clubs da zona que intenten buscar os medios posibles para colocar desfibriladores nas súas instalacións. Ofrecéndome incluso persoalmente a darlles un curso de balde se fixera falta para que poidan utilizalo con eficacia e seguridade.

Arturo Olveira RCP
Arturo Olveira
  • Arturo Olveira, formador do Plan Nacional de RCP (ademais de TES do 061 Emerxencias e Monitor en Catástrofes e Cooperación Internacional).

 

Novas relacionadas

Comentarios