Vimianzo acolleu unha completa xornada de formación e homenaxe para os adestradores do Fútbol da Costa

Emotiva xornada a celebrada este luns 16 de xuño na Casa da Cultura de Vimianzo, erixida este mes no epicentro do Fútbol costeiro tras acoller tamén a Gala QPC, e o Campo Municipal de Vimianzo.
Tratábase dunha nova edición das “Xornadas de Actualización e Reciclaxe”, organizadas polo Comité Galego de Adestradores. Máis de 200 adestradores do noso Fútbol da Costa, atenderon e tomaron nota das clases maxistrais de Pablo López e Óscar Gilsanz, tanto no auditorio, como despois no Municipal de Vimianzo coa canteira do Soneira SD, nunha experiencia tamén fantástica para eles.


A RFGF aproveitou para render homenaxe aos "Adestradores de Honra da Costa", un grupo de técnicos selectos de 65 anos ou máis que dedicaron gran parte da súa vida para impartir maxisterio no fútbol da zona. Neste caso, foron Carlos Lema (Corcubión), Fernando Uxío García Louro "Geno" (Esteirana) e José Manuel Fernández Mirás.

Completouse a xornada coa entrega do "Carné de Ouro" do Comité Galego de Adestradores a Manolo Corredoira, actual delegado da RFGF na Coruña e na Costa e con máis de 40 anos de experiencia nos bancos.
