Sábado. 20.04.2024
El tiempo

A administración electrónica achégase á veciñanza de Laxe

FOTO 20230126 LAXE
A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; e o alcalde José Luis Pérez Añón durante a xornada
A administración electrónica achégase á veciñanza de Laxe

Como xa aconteceu en Camariñas, Dumbría ou Zas, o Ministerio continúa levando unha serie de obradoiros de achegamento da administración electrónica pola comarca. Obradoiros que deberían ser moito máis habituais en zonas como a nosa, onde a fenda dixital é maiúscula e a necesidade de operar con estas ferramentas tecnolóxicas é cada vez máis obrigatoria.

Onte a xornada ‘A Administración cerca de ti’  tocou en Laxe, e unha vintena de persoas participaron no Museo do Mar para aprender a realizar dos trámites e xestións máis habituais na Sede Electrónica. 

As persoas que acodiron puideron sacar certificado dixital e firma electrónica (o que supón unha odisea para un veciño normal), o que lles permitirá solicitar citas no Sergas e documentos administrativos sen longas esperas, entrega de formularios ou desprazamentos a outras vilas e cidades.

Museo do mar

Por outra banda, Rivas tamén tivo a oportunidade de coñecer as instalacións do Museo do Mar de Laxe, o cal alberga centos de miles de imaxes que proveñen de particulares e, en gran medida, do Arquivo Fotográfico Vidal, formado por máis de 133.000 instantáneas tomadas por varias xeracións dunha mesma familia que reflicten a historia e cultura da xente de Laxe e do resto da Costa da Morte durante os últimos cen anos. Parte destas fotografías, ademais, son Ben de Interese Cultural de Galicia.

Comentarios