Luns. 09.09.2024
El tiempo

As avoas de Laxe aprenden a compartir sabedoría cos seus netos

As avoas de Laxe aprenden a compartir sabedoría cos seus netos
Escola de Avoas da Cruz Vermella en Laxe

A Cruz Vermella Carballo clausurou onte o curso na súa Escola de Avoas Educadoras de Laxe cunha sesión interxeracional na que avoas e netos compartiron unha mañá de xogos e conversas. Este grupo, que empezou a funcionar en marzo, constitúe a 11ª Escola de Avoas que se pon en marcha desde a Asemblea Local de Cruz Vermella en Carballo coa participación de técnicas e voluntarias, co obxectivo de ofrecer un soporte psicosocial a persoas maiores que exercen labores de educación a menores, apoiándoas na súa función educativa, detectando necesidades e reforzando as súas habilidades como educadoras e coidadoras.
Todo isto dentro dun clima dinámico que fomenta a participación de tódalas persoas que toman contacto co proxecto.

Concluida unha primeira fase de contidos máis xerais e estructurados, á volta das vacacións de verán Cruz Vermella continuará cun traballo máis centrado en experiencias, intereses e necesidades concretas, tomando forma de Grupo de Axuda Mutua no que se pretende fomentar a autoxestión por parte das propias participantes, de xeito que o desenvolvemento das sesións sexa o máis adaptado ás súas demandas específicas como coidadoras e educadoras.

Novas relacionadas

Fonte

  • Cruz Vermella.

Comentarios