luns. 20.04.2026
El tiempo

O BNG de Laxe denuncia a longa cadea de atrasos e erros administrativos na senda Santa Rosa–Soesto

Igrexa Santa Rosa Laxe
Igrexa de Santa Rosa
O BNG de Laxe denuncia a longa cadea de atrasos e erros administrativos na senda Santa Rosa–Soesto

Dende febreiro de 2022 está aprobado un investimento de 86.478,55 € no POS+ Plan Único da Deputación da Coruña para a senda municipal entre Santa Rosa e a praia de Soesto. Unha senda fundamental para a veciñanza que ademais forma parte do camiño do litoral e moi preto do Camiño dos Faros.

Pero a senda segue sen convertirse nunha realidade, segundo o BNG por unha "sucesión de atrasos, informes desfavorables e solicitudes de prórroga que manteñen paralizado un proxecto clave para a mobilidade peonil e o desenvolvemento turístico de Laxe".

Denuncian que "o procedemento acumulou múltiples requirimentos de corrección, informes desfavorables e modificacións técnicas que atrasaron a súa tramitación durante máis de dous anos".

Relatan a existencia de dous informes de supervisión desfavorables emitidos pola Deputación (xaneiro e abril de 2024), dous requirimentos de subsanación de documentación no POS+2023, que provocaron a necesidade de modificar o proxecto en varias ocasións para cumprir coas autorizacións sectoriais.

O proxecto modificado aprobouse definitivamente en xullo de 2024, para o que o Concello tivo que pedir dúas prórrogas para que a axuda provincial non caducase, unha ata novembro de 2025, e a segunda ata novembro de 2026, ambas xustificadas polo “retraso nos expedientes de contratación” e a “falta de persoal”.

O BNG recoñece a súa "preocupación sobre a capacidade de xestión municipal e o risco de perder financiamento público se os prazos continúan prorrogándose, a maiores de que cando sexa licitada o custo xa non será o mesmo".

Con todo, e coa obra aínda sen adxudicar e con dúas prórrogas solicitadas, desde o BNG de Laxe reclaman maior claridade sobre o estado real do expediente, os motivos polos que non se avanzou na contratación, e as garantías de que o proxecto non volverá sufrir novos atrasos.

Comentarios