Xoves. 30.05.2024
El tiempo

O BNG de Laxe denuncia que as traballadoras do SAF son as peor pagadas da comarca

  • Denuncia que o grupo de goberno do PP mantén o convenio sen actualizar desde 2018
SAF SOCIO SANITARIA FORUM 2022
O BNG de Laxe denuncia que as traballadoras do SAF son as peor pagadas da comarca

Temos visto nas rúas ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Carballo, Ponteceso, Camariñas, Muxía... Porén, segundo denuncia o BNG de Laxe as traballadoras do  Servizo de Axuda a Domicilio (SAF) do Concello de Laxe, -case todas mulleres e a maioría veciñas do propio concello-, son as peor pagadas de toda a comarca,

Denuncia o grupo da oposición que se debe á "incapacidade do Goberno municipal do PP para renovar o contrato doque leva caducado nada menos que desde 2018".

Lembra dende o BNG que "Laxe conta con case un millar de persoas con máis de 65 anos, un 33% de toda a poboación, polo que o SAF é esencial para unha parte moi importante da veciñanza, pero o Goberno do PP leve máis de cinco anos sen renovar o contrato de prestación deste servizo, o que provoca que as traballadoras non poidan beneficiarse das subidas de salario unha vez que a Xunta aumentou a súa aportación aos concellos a 12 euros/hora para 2024".

De feito, explican, "a día de hoxe as mulleres que traballan neste servizo a domicilio ás persoas maiores en Laxe perciben 13 euros/hora cando o convenio destas traballadoras establece 19 euros/hora, seis euros menos que as súas homólogas dos concellos de comarca, como por exemplo Cabana, Ponteceso, Malpica ou Carballo".

“O BNG xa preguntou por este asunto en pleno, pero a resposta do novo alcalde Francisco Charlín foi que tiña outras prioridades”, denuncia a concelleira Cristina Vázquez del Prisco, “é indignante que un alcalde que tomou como primeira decisión adxudicarse un salario de 46.000 euros non teña presa por modificar un convenio que permitiría ás traballadoras do SAF mellorar os seus ingresos, cando estamos falando de soldos moito máis reducidos pese a prestar un servizo público esencial”, argumentou a concelleira do Bloque.

Comentarios