Os colectivos feministas da Costa da Morte saen á rua ante o feminicidio da Coruña
Este mércores 7 de agosto a sociedade comprometida da Costa da Morte volverá saír á rúa para denunciar un novo asasinato machista. Un home de 74 mataba á súa muller no barrio coruñés de Labañou esta fin de semana e malia declarar que a atopara morta foi detido en prisión preventiva.
Co de Mercedes, así se chamaba a señora de 76 anos asasinada, son xa 69 asasinatos machistas acontecidos en Galicia dende o ano 2003.
Ante esta situación os colectivos costeiros convocan sendas manifestacións para este mércores 7 de agosto ás 20:30h. A primeira que chega é por parte do colectivo Feminismo en pé que convoca á veciñanza na Praza Ramón Juerga de Laxe, pero a idea é que se repliquen pola comarca.
Tamén o colectivo Sonlilá de Carnota convoca unha concentración ás 19:00h na Praza da Pedra de Carnota.
RECURSOS CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA
O Ministerio de Igualdade, a través da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero, quere lembrar que o teléfono 016, as consultas en liña a través do email [email protected], a canle do WhatsApp no número 600 000 016 e o chat en liña, accesible desde a páxina web violenciagenero.igualdade.gob.es/, funcionan as 24 horas, todos os días da semana. No 016 pódese pedir asesoramento sobre os recursos dispoñibles e os dereitos das vítimas de violencia de xénero, así como asesoramento xurídico de 8 h a 22 h todos os días da semana, con atención en 53 idiomas e un servizo adaptado a posibles situacións de discapacidade.