sábado. 14.12.2024
El tiempo

Contramínante mantén vivo, coa cativada de Laxe, o Proxecto Landras

DÍA DO ÁRBORE LAXE 2 Proxecto Landras
Contramínante mantén vivo, coa cativada de Laxe, o Proxecto Landras

Fadas, trasnos, ondinas e espíritos do bosque déronse cita onte na Insua de Laxe. O 21 de marzo, Día da Árbore, marca o inicio dun novo ciclo da natureza: o equinoccio da primavera.

De aí que a Asociación Contramínate organizase un novo evento singular enmarcado no seu seu “Proxecto Landras” de reforestación e educación ambiental, xunto coa rapazada e o profesorado do CPI Cabo de Area, unha nova plantación de piñeiro manso, o máis axeitado para soportar a salitre do mar.

"Queremos destacar o protagonismo do alumnado de quinto e sexto do CPI Cabo da Area nesta actividade, participando nunha exhibición do equipo contra incendios, da man da brigada forestal", sinalan dende a entidade.

Este ano contaron tamén con representación, ademais do Concello de Laxe, da Consellería do Medio Rural, e a Xefatura Provincial do Patrimonio Forestal. "Sumáronse para concienciar á rapazada, sobre a importancia das fragas e o coidado dos nosos ecosistemas. A nosa saúde depende tamén da saúde das nosas árbores, da calidade do aire e por suposto, da pureza das augas que nos abastecen", explican.

"Falouse da necesidade da presenza de árbores, mesmo no espazo do casco urbano de Laxe (especies como tamarindo, metrosidero ou laranxeira amarga, toleran ben o salitre), da fotosíntese e dos paxaros. E como sempre, retiramos plásticos e gozamos dun tempo de merenda colectiva".

DÍA ÁRBORE LAXE 4 Landras 1

O alcalde, Francisco Charlín, agradeceu a todas as persoas e entidades presentes a súa participación e compromiso, subliñando a importancia "de coidar e respectar os nosos montes".

"Aproveitando o compromiso das institucións presentes, solicitamos o coidado deste espazo, como tamén a necesidade de sinalar a presenza dun bosque que está a medrar e o acondicionamento dun punto de auga na zona", piden dende Contramínate. "Agardamos así que o bosque da Insua e mais a vila de Laxe sigan gañando en calidade ambiental de cara ao futuro.
Longa vida ao PROXECTO LANDRAS!"

Máis novas

Comentarios