Sábado. 27.04.2024
El tiempo

O Proxecto Landras revive a Carballeira da Insua

Proxecto Landras 2024-Laxe
Pequenos esquexes preparados para que a rapazada de Laxe plante neste 2024 o bosque da Insua
O Proxecto Landras revive a Carballeira da Insua

Era o 2017 cando a Asociación Contramínate en colaboración co Concello de Laxe e o CPI Cabo de Area, lanzaba un proxecto de educación ambiental no Monte da Insua. Cada outono, o alumnado plantou carballos, castiñeiros, acivros, loureiros, bidueiros, abeleiras, nogueiras, érbedos, sabugueiros, olmos, espiños, loureiros e rascacús, para crear un bosque autóctono e darlle así unha entidade máis propia a este monte declarado lugar de importancia comunitaria (LIC), forma parte da Rede Natura 2000 e consta no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) como Solo Rústico de Protección de Espazos Naturais.

Pero o proxecto tivo os seus obstáculos, como aquela limpeza indiscriminada de maio 2023 que arrasou con ducias de árbores bebés. “Por descoido e sen mala intención causouse un dano importante ó Proxecto Landras”, lamentaban dende Contramínate.

Pero como avisaban pouco despois, “o Proxecto Landras revive”. “Non hai mal que por ben non veña”, explican dende a entidade, “e a Consellería de Medio Ambiente da man da Xefatura provincial de Patrimonio Forestal comprometeuse a reparar o dano trala limpeza do bosque”.

Por iso, nesta edición faise cargo de aportar planta e persoal para realizar a repoboación. Cando o tempo o permita, na primeira quincena do mes de febreiro, 65 alumnos e alumnas de Educación Infantil e Primaria volverán a participar de dúas xornadas de plantación de especies autóctonas.

Porén, lembran, “o bosque precisa limpeza: poda, clareo e tala de pólas e árbores mortas, recollida de leña seca do chan e retirada dunha inxente cantidade de plásticos procedentes dun vertedoiro selado no ano 2005”.

Por iso, dende a Asociación Ambiental Contramínate reclaman “unha vez máis ó concello e a Patrimonio Forestal a necesidade de intervir na área dotándoa de tomas de auga, limpeza e apertura de camiños-cortalumes para acondicionar un espazo de lecer para a veciñanza e para protexela de posibles incendios. O apoio deste proxecto por parte de Patrimonio Forestal é unha estupenda ocasión para facer as cousas da mellor maneira e reclamamos, por tanto, a súa implicación”.

Histórico do Proxecto Landras

Comentarios