Martes. 15.10.2019
El tiempo

Os Penedos de Traba Pasarela son oficialmente unha Paisaxe Protexida

Os Penedos de Traba Pasarela son oficialmente unha Paisaxe Protexida
A Dama un dos Penedos de Traba e Pasarela-Foto-Victor Santos A Dama, un dos Penedos de Traba e Pasarela-Foto-Victor Santos

Os entorno dos Penedos de Traba e Pasarela xa son oficialmente Paisaxe Protexida. Unha calificación que permitirá o coidado e rexeneración do espazo, alén da potenciación turística e económica da zona. Unha medida que segue sen convencer ao alcalde vimiancés, que pide unha indemnización pola iimposibilidade de explotar a zona mediante unha canteira.

Novos roteiros, programas de investigación dado o seu alto valor científico, e de educación ambiental, reforestación con especies autóctonas... todas estas accións serán desenvoltas pola Consellería de Medio Ambiente para o coidado e revalorización deste espazo singular.

Ante a falta aínda dun plan de acción específico, a calificación traballa para o mantemento de prácticas de carácter tradicional obrigando a que calquera entidade que promova un proxecto de obras ou infraestruturas na zona deberán presentar na avaliación de impacto ambiental, un estudo de impacto e integración paisaxística.

Nota de prensa da CMA

OS PENEDOS DE PASARELA E TRABA SON, DENDE HOXE, PAISAXE PROTEXIDA, O QUE PERMITIRÁ AMPARAR A SÚA SINGULARIDADE ESTÉTICA E OS SEUS VALORES NATURAIS E CIENTÍFICOS

  • O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o decreto que regula a protección destas paisaxes
  • A declaración implica a posta en marcha de accións encamiñadas a rexenerar o espazo, reforestar con especies autóctonas e propiciar iniciativas de posta en valor da zona dende o punto de vista da sustentabilidade
  • Esta é a segunda aprobación dun espazo natural como paisaxe protexida trala declaración o pasado 13 de novembro no Consello da Xunta do Val do río Navea, en Ourense
  • A xestión da paisaxe, que dependerá da Consellería de Medio Ambiente, terá como obxectivos a conservación e protección da paisaxe, fomentar o coñecemento e o respecto da zona, promover a realización de programas de investigación e de educación ambiental, así como un desenvolvemento económico e turístico da zona que sexa respectuoso co medio

Santiago, 12 de xaneiro de 2009.- Os Penedos de Traba e Pasarela, situados nos municipios coruñeses de Vimianzo e Laxe, convertéronse hoxe en paisaxe protexida, trala publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) do decreto que regula a súa protección. Esta declaración pretende dotar dunha figura de protección a singularidade natural, estética e o valor científico deste espazo. O Consello da Xunta do pasado 11 de decembro de 2008 autorizou esta declaración que implica a realización de accións encamiñadas a rexenerar espazos naturais, reforestar certas áreas con especies autóctonas e propiciar iniciativas de posta en valor da zona dende o punto de vista da sustentabilidade.

O macizo de Pasarela e Traba está constituído por un conxunto de elevacións graníticas, nunha superficie de 212 hectáreas, entre os concellos coruñeses de Vimianzo e Laxe. A combinación e encadeamento de formas graníticas xeran un espazo singular, sendo esta característica a que leva a pór en marcha unha política de protección integral dos penedos. Esta paisaxe, ten ademais un enorme valor científico xa que permiten coñecer cal foi a evolución da zona e, consecuentemente, como se pode someter aos instrumentos de planificación ou plans de conservación.

Esta é a segunda aprobación como paisaxe protexida trala declaración o pasado 13 de novembro de 2008 no Consello da Xunta do Val do río Navea, comprendido entre os municipios de San Xoán de Río e a Pobra de Trives, en Ourense.

Estas declaracións, contempladas na Lei 9/2001 de Conservación da Natureza, avanzan na aplicación da Lei de Protección da Paisaxe, aprobada o pasado ano pola Xunta, que ten como obxectivo recoñecer xuridicamente a paisaxe e promover políticas para a súa conservación, protección, xestión e ordenación, servindo como marco de referencia para todas as lexislacións, plans e programas que poden influír dalgún xeito na modificación, alteración ou transformación das paisaxes, e, en especial, cando afecten a espazos de alto valor natural e cultural.

Esta norma, que ten os seus principios inspiradores no Convenio Europeo da Paisaxe, aprobado en Florencia no ano 2000 a proposta do Consello de Europa; incide na necesidade dun réxime de protección dirixido expresamente á conservación das paisaxes, como espazos que polo seus valores singulares merecen unha preservación especial.

A protección dos Penedos de Pasarela e Traba suporá a busca do mantemento dunhas prácticas de carácter tradicional que contribúan á conservación e preservación dos valores e recursos naturais da zona. A súa xestión, a cargo da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, terá como obxectivos a conservación e protección da paisaxe, en especial dos penedos, fomentar o coñecemento e o respecto da zona, promover a realización de programas de investigación e de educación ambiental, así como un desenvolvemento económico e turístico da zona que sexa respectuoso co medio.

Por isto, calquera entidade que promova un proxecto de obras ou infraestruturas na zona deberán presentar na avaliación de impacto ambiental, un estudo de impacto e integración paisaxística.

A Consellería de Medio Ambiente elaborará ademais un plan de acción específico para os Penedos de Pasarela e Traba, encamiñado á protección do entorno paisaxístico e a aplicación das medidas necesarias para a posta en valor e rexeneración da zona, así como o seu desenvolvemento sostible.

Nos últimos tres anos a Xunta declarou como monumento natural a Carballa da Rocha, no concello de Rairiz de Veiga, Serra de Pena Corneira, na provincia de Ourense. Ademais, o espazo natural Miño-Neira converteuse en Zona de Especial Protección dos Valores Naturais e Pena Trevinca foi declarada Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA). A Unesco aprobou tamén a declaración como Reserva da Biosfera a zona do río Eo, Oscos e Terras de Burón.

Aprobouse ademais a creación do Espazo Natural de Interese Local de Voutureira, no concello de San Cibrao das Viñas, e o Espazo Privado de Interese Natural de Sobreiras do Faro, no concello de Oia.

Comentarios