O Peixe de Laxe e a Pataca de Coristanco danse a man

A Confraría de Laxe e o concello de Coristanco veñen de revalidar a colaboración entre o peixe da lonxa de Laxe e a da pataca de Coristanco. Unha alianza que comezou o pasado verán, nas xornadas de pesca artesanal no mercado de Lax e que se consolidou na Festa da Pataca de Coristanco. Con esta sinerxía, Laxe e Coristanco buscan poñer en valor os produtos autóctonos da comarca de Bergantiños, a través dunha proposta conxunta de gran valor engadido.
A primeira cita para degustar esta colaboración entre estes produtos será o domingo, na Festa Gastronómica dos Peixes e Mariscos da Lonxa de Laxe. Dentro da oferta festiva, a Confraría da Laxe servirá racións de peixe frito acompañadas de patacas de Coristanco. Tamén se poderán degustar racións de empanada de peixe e navalla e longueirón, todo a un prezo común de 5€. A exaltación comezará ás 12 horas na explanada detrás da rula laxense.
Prevista como unha colaboración bidireccional, o peixe de Laxe e a pataca de Coristanco volverán atoparse no mes de setembro, durante a Festa da Pataca de Coristanco.
Co obxectivo de dar visibilidade e poñer en valor os produtos do seu mercado, a Confraría de Laxe ten previsto unha intensa fin de semana de actividades. O programa comezará o venres 2 de agosto cunha degustación gratuíta de navallas e longueirón, ás 20:30 horas e unha actividade infantil de divulgación científica e concienciación ambiental, ás 19:30 horas.
O sábado 3 de agosto a lonxa de Laxe entrará de cheo nas súas xornadas de promoción da pesca artesanal. Haberá obradoiros gastronómicos infantís, licitación simulada, showcookings e unha degustación gratuíta de arroz con peixe e marisco, prevista para as 22.00 horas. Ademais, a rula laxense contará coa visita dos humoristas e actores Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán, que serán nomeados embaixadores do peixe e marisco de Laxe, nun acto previsto para as 12.30 horas.
Xa o domingo 4 de agosto a actividade central será a Festa Gastronómica dos Peixes e Mariscos da Lonxa de Laxe, a partir das 12 horas. Para pechar a programación da fin de semana, o chef Miguel Mosteiro ofrecerá ás 19.00 horas un programa de cociña.