Malpica reafírmase como epicentro surfeiro co Malpica Longboard Classic

Mentres a Selección Galega de Surf concéntranse en Malpica, facendo xa os seus primeiros adestramentos en Soesto e Razo, os organizadores do Malpica Longboard Classic aproveitaron para facer a presentación oficial desta segunda edición.

A presentación no Forno do Forte, acompañados por representantes municipais, amosou o completo programa de actividades que se vai levar a cabo durante a vindeira fin de semana, do 16 ao 18 de maio.

Un Malpica Longboard Classic que naceu o ano pasado coa intención de introducir en Galicia unha modalidade pouco coñecida e que vai camiño da consolidación. José Dourado, un dos organizadores, comentou que a idea de poñer en marcha esta actividade xurdiu despois de participar en festivais semellantes en toda España e vendo que en Galicia non existía ningún destas características. Un grupo de afeccionados buscaron o entorno idóneo para o longboard e decidiron que fose Malpica “porque ten unha praia urbana, as infraestruturas necesarias e a calidade das olas precisa”.

Se en 2012 tocaba Quedada Longboard Viquinga, o ano pasado o Malpica Longboard Classic reuníu a participantes de Asturias, Cantabria, País Vasco, Cádiz e Valencia, ademais de Galicia. Este ano agárdase ampliar os lugares de procedencia e o número de competidores ata o centenar, se ben Javi Taladrid, outro dos promotores, insistiu en que a intención é crecer, sobre todo, “en calidade”.
Tamén explicou que o Malpica Longboard Classic nace coma un escaparate para as marcas galegas, “xente –dixo- que está innovando en táboas, textil… e que aquí van ter unha publicidade gratuíta para que poidan expoñer os seus traballos e o seu talento diante da xente que vén de toda España. Queremos dar a coñecer a industria que hai arredor deste deporte”.

Surf e música

Daniel Alvite, pola súa banda, centrouse nos aspectos organizativos. O evento arrincará o venres 16 ás 15.00 horas coa apertura das inscricións e da zona de acampada libre. Haberá un clinic de longboard de música, aínda que o prato forte da noite será a actuación de Sunday Morning Club. As competicións serán entre o sábado e o domingo. Haberá un festival de loggin e outro de longskate, disciplinas novas que se darán a coñecer e que “amosan o lado máis clásico do surf”, sinalou Daniel Alvite. Pola noite, máis música, con grupo Los Mecánicos, e o domingo, fin de festa coa entrega de premios.

Novas relacionadas

Máis novas

Outras novas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).