Mércores. 24.04.2024
El tiempo

A veciñanza de Cerqueda apadriña un milladoiro nas Pozacas

A veciñanza de Cerqueda apadriña un milladoiro nas Pozacas
MIlladoiro para as Pozacas-Foto-Xose Manuel Varela Os veciños crearán un MIlladoiro no local das Pozacas -Foto-Xose Manuel Varela

Non para a veciñanza de Cerqueda de unirse e armar novos proxectos que “fan parroquia”. Este renovado proxecto comunitario que propoñen ademais servirá para crear un espazo singular. E así o fan, en común, xa por terceira vez logo das dúas campañas de desbroce da Croa do Castro de Cerqueda e da creación da carballeira Cerqueda Nova. Agora queren convertir a parcela traseira do local sociocultural das Pozacas nun espazo cultural.

A parcela, hoxe cuberta de fiúnchos e silvas, será a protagonista do proxecto «Apadriña un Milladoiro nas Pozacas». Alí a Asociación de Veciños Monte d’Arxa volve a convocar a veciñanza de Cerqueda, e tamén de fóra da parroquia, para erguer un milladoiro con forma de espiga de millo que simbolizará, por unha banda, o traballo colectivo que tanto se realizaba no pasado nas tarefas agrícolas, e, por outra, representar a fertilidade das terras agrícolas da parroquia de Cerqueda.

A actividade desenvolverase o vindeiro sábado 19 de novembro na citada parcela. Pódese participar en tres modalidades: día enteiro, só de mañá ou só de tarde. Aquelas persoas que interveñan de mañá ou día enteiro serán agasallados cun xantar colectivo. Para intervir na xornada cómpre inscribirse en calquera membro da directiva desta asociación veciñal.

O Milladoiro das Pozacas será erguido baixo a supervisión do mestre canteiro Calviño de Folgueira (Manuel Díaz Fernández) quen ten traballado ao longo da súa vida en obras restauración de pedra. Tamén foi docente canteiro na Escola Taller de Buño.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios