xoves. 12.03.2026
El tiempo

Aprobado do proxecto definitivo para a rotonda do CEIP Milladoiro

Rotonda Malpica ceip Milladoiro
Aprobado do proxecto definitivo para a rotonda do CEIP Milladoiro

Anunciada en maio de 2023, tiña que levar xa máis de medio ano en funcionamento. Con tod, despois de varias alegacións, a Xunta vén de aprobar definitivamente a rotonda do CEIP Milladoiro de Malpica. - A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, e varios membros da corporación visitaron o punto da estrada autonómica AC-418 para anunciar un proxecto que contará cun investimento global de máis de 330.000 euros.

A intervención permitirá reforzar a seguridade viaria nun treito especialmente transitado do núcleo urbano, no que conflúen o acceso ao CEIP Milladoiro, ao centro cívico e a varias rúas da localidade.

Medidas

Para contribuír a moderar o tráfico e ordenar mellor os movementos de entrada e saída, o proxecto prevé transformar a actual intersección entre a AC-418, a rúa Ventorrillo, a rúa Canido e o acceso ao centro educativo mediante a construción dunha glorieta situada arredor do punto quilométrico 15+470.

A nova infraestrutura disporá dun anel exterior cun raio de 14 metros e dun anel interior de 8 metros de diámetro, executado en formigón e cun pequeno espazo verde no seu interior.

A actuación tamén contempla adaptacións nos accesos próximos á glorieta para garantir a correcta integración da infraestrutura. En concreto, actuarase na rúa Canido nun treito aproximado de 10 metros e no acceso ao CEIP Milladoiro nunha lonxitude duns 20 metros.

No marco destas obras renovaranse tamén as beirarrúas, que terán un ancho próximo aos tres metros e pavimento de louseta, co obxectivo de manter a continuidade dos itinerarios peonís xa existentes.

O proxecto incorpora ademais diferentes medidas para mellorar a accesibilidade e a seguridade peonil, como a instalación de pavimento podotáctil nos pasos de peóns, a reposición da parada de autobús situada antes da entrada á glorieta e o reforzo da iluminación na contorna.

En canto á calzada, executarase pavimentación con aglomerado en quente nas zonas que actualmente carecen de firme e adaptarase o sistema de drenaxe á nova configuración da intersección. As obras completaranse coa correspondente sinalización horizontal e vertical.
 

Novas do proxecto

Comentarios