Concello de Malpica e Deputación manterán vivo o Ecomuseo do Forno do Forte
Continuará xestionando en común a Deputación e o Concello de Malpica o comuseo do Forno do Forte de Buño. Así o asinaron hoxe ambas entidades, para manter a actividade dun dos principais referentes da olaría tradicional galega e consolidar a súa proxección cultural e turística.
En virtude do convenio, a Deputación financiará ata un máximo de 80.000 euros durante o ano 2026. O Concello asumirá a atención ao público, o mantemento das instalacións e a programación de actividades, incluíndo obradoiros, visitas teatralizadas e accións de divulgación da olaría de Buño, ademais de manter os horarios establecidos e elaborar estatísticas mensuais de visitas.
Penas destacou que o Ecomuseo é “un espazo singular que combina conservación patrimonial, memoria artesá e dinamización turística” e subliñou o compromiso da Deputación coa continuidade dun proxecto “que converte as persoas visitantes en actores activos e contribúe a divulgar unha tradición cun enorme valor cultural”.
Penas sinalou tamén que a Deputación está a traballar na mellora da accesibilidade do espazo e sinalou que o convenio “é un punto de partida para o impulso do centro e, sobre todo, para reforzar a colaboración necesaria entre as administracións e a olaría”.
Ecomuseo
O Ecomuseo do Forno do Forte é un conxunto etnográfico de referencia, composto polo forno, o quinteiro e varias vivendas do século XIX rehabilitadas pola Deputación, que recrean a vida e o traballo das oleiras e labregas da comarca. Coa renovación do convenio para 2026, ambas as institucións reafirman a súa cooperación para preservar este patrimonio e reforzar o seu papel como motor cultural e turístico de Bergantiños.
