Xoves. 18.04.2024
El tiempo

De viaxe pola Malpica da primeira metade do século XX

De viaxe pola Malpica da primeira metade do século XX
Mar de Sisargas trasladanos un seculo atras a traves do mobil

Xa o vimos en vídeo, pero o proxecto de dinamización turística Mar de Sisargas acaba de ser presentado publicamente. Unha iniciativa experimental, financiada con fondos europeos, conta con dúas liñas de actuación: o desenvolvemento dunha ferramenta TIC de xeolocalización e realidade aumentada e a creación dunha rede de dinamizadores locais.

Realidade aumentada e Qr

A información a través dos teléfonos intelixentes é unha das liñas máis interesantes. Creouse unha ferramenta TIC propia canalizada a través do dominio malpica.mobi e do sistema iBeaken que con só un teléfono intelixente (Smartphone) permite acceder aos contidos xerados arredor desta iniciativa a modo de realidade aumentada. O sistema emprega a aplicación Layar, que analiza e detecta a información dispoñible ao redor do usuario do dispositivo móbil conectado a Internet. Esta recoñece a contorna e, enriba da imaxe que capta a cámara do teléfono, amosa máis información sobre o que se ve a través da rede. Trátase da aplicación gratuíta de lectura de realizade virtual máis empregada.

Esta información localízase ao longo da zona urbana de Malpica en forma de códigos QR xeolocalizados. Os usuarios poden escanealos co móbil para ampliar a información do lugar no que se atopen (en galego, castelán e inglés), como se estivesen acompañados dun guía.

Tres rutas con Lugrís

As rutas que percorren a zona urbana son Tras os pasos de Lugrís, que trae á memoria a estadía do artista en Malpica; O porto, enclave neurálxico dunha vila que naceu por e para o mar e na que o usuario poderá interpretar e coñecer mellor a actividade e as profesións do porto, que aglutina unha das flotas de pesca artesanal máis importantes de España. A terceira das rutas, chamada Balcón das Sisargas, percorre o paseo marítimo dende o Caldeirón ata Canido pasando por Area Maior.

Textos, vídeos, audios e fotografías compleméntanse con imaxes antigas recuperadas do Arquivo Fotográfico Municipal cedido polo historiador local Xurxo Alfeirán. Estas transportan ao visitante á Malpica da primeira metade do século XX, para contrastala coa actualidade.

Nos tres camiños deseñados para internar ao visitante na esencia malpicá soa o eco dos pasos do pintor surrealista Urbano Lugrís. De feito, a súa obra inspira o logotipo da imaxe corporativa do proxecto turístico. Ao longo dos sendeiros están colocados 11 puntos de información QR e 4 paneis informativos que dan acceso a través do lema “Sinte Malpica” a textos, fotos, 5 audioguías e 4 vídeos, entre eles un spot viral que recibiu dende o mes de setembro preto de 2.500 reproducións.

Rede de dinamizadores

A segunda liña de actuación do proxecto foi a creación dunha marca conxunta con identidade propia que pon en valor o turismo gastronómico na vila. Os dezaseis locais implicados levan o distintivo “Rede de hostaleiros O mar de Sisargas”. Hoxe recibiron os diplomas que os acreditan como parte da rede tras realizar un programa de formación que contou con docentes de primeira liña coma o cociñeiro Estrella Michelín, Adrián Felípez, o presidente da Asociación de Profesionais de Marketing de Galicia, Xosé Luis Reza, expertos en calidade turística, consultores de comunicación, etc.

A “Rede de hostaleiros O mar de Sisargas” está formada polo Asador A la Brasa, os restaurantes Pastoriza e San Francisco, a pizzaría Vagalume, a pensión residencia Bar Novo, a Cervexaría Océano, os establecementos de turismo rural Casa da Vasca e Casa da Sebe, os bares Cachón, Panchito e Submarino, o café bar Humboldt, as cafeterías JB, Santiago Apóstol, e as emprendedoras Carmen Pilar Rodríguez Couto e Matilde Sousa Dopazo. A involucración de todos eles foi sobresaínte e de feito xa desenvolveron algunhas accións conxuntas de dinamización da gastronomía da zona.

Presentación

Foi a secretaria xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo, a que presidiu a presentación esta pasada semana, xunto ao alcalde do Concello, Eduardo J. Parga, o presidente e o xerente do GAC 3 Costa da Morte, Evaristo Lareo Viñas e Guillermo González Diez, respectivamente, e o director de execución do proxecto, Pedro Tasende, de Aporta Comunicación.
O proxecto contou cun presuposto de 44.000 euros.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios