Venres. 29.03.2024
El tiempo

Croa do Castro: A arqueoloxía oleira

Croa do Castro: A arqueoloxía oleira
Manuel Gago cos vecinos de Cerqueda na Croa do Castro

Parece que a semente da arqueoloxía social tamén prendeu en Cerqueda. A Costa da Morte está sendo vangardista neste eido e temos grandes exemplos como o Proxecto das Croas de Niñóns, o Castro de Mallou ou a pioneira Torre dos Mouros.

Desta volta, é o tecido asociativo da parroquia malpicá de Cerqueda, a que solicitou a participación do divulgador Manuel Gago para recuperar a Croa do Castro. Un lugar cheo de lendas ao que acompañarán os espazos da Pedra da Arca ou mámoas do Chan de Folgueira.
Esta fin de semana tiña lugar a primeira visita guiada. Alí estiveron os membros das A. VV. Monte d’Arxa, A. C. Raigañas, U.D. Cerqueda, A. Cabalar Os Veteranos e da Comisión de Festas, en compaña das autoridades municipais e do propio Gago coñecendo de primeira man o estado do lugar e as súas posibilidades.

Tecido asociativo de Cerqueda na Croa do Castro

Olería e arqueoloxía

A intención segue a ser a de recuperalo Castro da Croa e convertilo en recurso turístico, relacionando este achádego arqueolóxico co potencial oleiro de Buño, e incluíndo o lugar nas rutas da Olería de Buño.
De feito, parte das investigacións centraranse en coñecer como o mundo castrexo traballaba o barro.

A idea é poder aproveitalo como recurso pensando mesmo en Semana Santa, polo que os traballos arqueolóxicos xa estarán por comezar.

Por agora, as silveiras e os toxos invádeno todo polo que o primeiro traballo será de desbroce, e para iso estará o traballo voluntario de veciños e amantes da arqueoloxía que de seguro se achegarán ao lugar nas xornadas artelladas para elo.

Divulgación

Será o Concello e as propoas entidades as que divulguen o proxecto pola volta, i é que a implicación da veciñanza é fundamental nestes proxectos de arqueoloxía social. Máis ben son o seu sentido.

Ademais a rede tamén toma o seu protagonismo e veciños da zona xa están aportando tamén os seus coñecementos, por exemplo, en forma de topónimos. Así, estas semanas xa saíron a Fontepan, ou a charrúa, e de seguro que o proxecto de recuperación da Croa recupera moita sabedoría máis.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios