A Deputación e o Concello de Malpica comprométense pola dinamización do Ecomuseo do Forno do Forte de Buño
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde do Concello de Malpica, Walter Pardo, asinaron o convenio de colaboración para a xestión integral do Ecomuseo do Forno do Forte de Buño durante o ano 2020. O acto contou tamén coa asistencia da concelleira de Cultura e Olería, Leticia Naya, e do deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas.
Rubricaron así o compromiso por parte de ambas entidades de manter en perfectas condicións o inmoble e os bens incluídos dentro do mesmo, facilitar a visita do conxunto etnográfico e dos elementos museísticos e doutras exposición que albergue o mesmo, dinamizar o centro dentro das actividades do propio museo, fomentar o estudo e a investigación en colaboración coas agrupacións oleiras e culturais da zona, elaborar e difundir métodos didácticos e informativos relacionados coa cultura popular da contorna no eido da olaría, promover actividades culturais dentro do ecomuseo e establecer sistemas derelación con outros centros e ecomuseos que teñan como actividade central a olaría.
Tanto a Deputación da Coruña como o Concello de Malpica acordaron suscribir este acordo en base a unhas cláusulas, entre as que se destacan as obrigacións da entidade local e da Deputación.
En primeiro lugar, o Concello de Malpica comprométese a facilitar a visita do conxunto etnográfico e dos elementos museísticos; facilitar aos visitantes folletos ou carteis sobre o Ecomuseo do Forno do Forte de Buño; facilitar información turística e cultural sobre a Costa da Morte; controlar o axeitado tránsito polo inmoble e elaborar unha estatística de visitas mensuais .Pola outra banda, a Deputación Provincial da Coruña comprométese a aboar ata un máximo de 70.000 euros durante a anualidade do 2020. O Servizo de Patrimonio e Contratación poderá, tanto por si como a través doutros servizos técnicos, inspeccionar en calquera momento o estado do inmoble e doutros bens adscritos.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, califica de “tremendamente positivo este acordo. A olaría, e polo tanto Malpica, son un activo importantísimo da nosa cultura e con este convenio asegurámonos tanto a súa preservación como a transmisión a futuras xeracións, algo fundamental nun centro emblemático da produción artesá da provincia como Buño”, destacou.
alcalde de Malpica, Walter Pardo, manifestou “a nosa satisfacción por acadar este acordo, xa que a olaría para nós é moi importante, un dos piares sobre os que se sustenta Malpica”, destaca o rexedor. Pola súa banda, a concelleira de Olaría, Leticia Varela, quixo “agradecer á Deputación Provincial a súa colaboración con nós. É importantísimo preservar a alfarería e olaría non só como elemento vertebrador da cultura malpicá, senón galega”, sinalaba a edil.